Alfoz, 5 de xaneiro de 2022. O sábado 4 de febreiro, coincidindo co Día Mundial contra o Cancro , celebrarase na Finca Galea de Alfoz unha nova gala benéfica “Alfoz Solidario”, a favor da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc). O evento, nos se puido realizar nos últimos dous anos debido á pandemia coo Covid 19, é promovido por un grupo de oito persoas interesadas en colaborar coa xunta provincial da Aecc en Lugo. O grupo está formado por Conchita Pardiñas, Marisa Rubal, María José Seco, Dora Trobo, Nati Andón, Carmen Geada, Ana Carballo e Xabier Pardiñas.
Desde a organización indican que, como sempre, existen varias formas de colaborar con “Alfoz Solidario”, “poderase participar na propia gala, composta por unha cea e baile, ou mediante donativos á Mesa Cero para aquelas persoas interesadas en colaborar que non podan asistir”. Os tickets poñeranse á venta a partir da próxima semana.
Ademais, tamén poderán colaborar as empresas e locais comerciais que o desexen, aportando agasallos que se sortearán ao longo da gala. Os participantes e as empresas que desexen colaborar poden poñerse en contacto con calquera membro da organización.
Os beneficios obtidos, que na última edición ascenderon a 12.571 €, serán entregados á Xunta Provincial de Lugo da Asociación Española Contra o Cancro.
Desde o grupo organizador agradecen a todos os colaboradores a súa implicación nesta causa solidaria.