Preto de 1.500 estudantes de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Educación Especial participan este curso neste programa, enmarcado no Plan Proxecta+
Vilalba, 26 de xaneiro de 2023. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron esta mañá na inauguración das actividades do programa Mestres Gandeiros no colexio CEIP Terra Chá de Vilalba. Esta iniciativa enmárcase no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que abranguen diferentes eidos.
Mestre Gandeiros é promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Instituto de Estudos do Territorio de Galicia, en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa. O seu obxectivo é transmitir o coñecemento e as boas prácticas da poboación rural como xestores da natureza e da paisaxe, mediante o emprego de técnicas de xogo, do coñecemento das persoas e do contacto co territorio. Preto de 1.500 alumnos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Educación Especial participan este curso.
No caso do colexio vilalbés participan nesta iniciativa arredor de 70 alumnos, para o que contan cun invernadoiro e cun galiñeiro nos que desenvolven tanto o cultivo dunha horta ecolóxica como a cría de poliños. Neste sentido, a directora xeral destacou o valor desta iniciativa para transmitir aos máis novos a cultura do coidado da terra e da natureza, “uns valores que en colexios coma esta están moi arraigados e nos que os alumnos son case expertos nuns labores que aprenden en moitos casos na propia casa”.
A través desta iniciativa, ademais da conciencia ambiental, tamén se promoven as competencias dixitais, dado que o programa contempla o emprego de información xeográfica dixital, mapas ou bases de datos espaciais, entre outros recursos.