A convocatoria de 2022 foi a que máis solicitudes e importe concedido rexistrou e nela a Consellería do Mar aprobou 70 proxectos por valor de máis de 1,1 millóns de euros
Viveiro, 10 de xaneiro de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor a aposta da Xunta polas melloras a bordo dos buques pesqueiros para promover a pesca sustentable e a remuda xeracional na actividade marítimo-pesqueira. Nesta liña, expuxo que este ano a Xunta destinará a este fin 1,5 millóns de euros a través dunha convocatoria de axudas para os propietarios de buques pesqueiros galegos que publicará esta semana o Diario Oficial de Galicia.
Así o sinalou a conselleira durante unha visita en Celeiro ao buque Pino Montero Tres, que foi beneficiario deste tipo de apoios cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo de Pesca. Alí Rosa Quintana estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e explicou que son obxecto destas achegas os investimentos para limitar o impacto da pesca no medio mariño e para protexer as especies.
Tamén se destinan a subvencionar actuacións que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e aquelas relacionadas coa eficiencia enerxética, o cambio de motores e a mitigación do cambio climático. Outros investimentos obxecto de recibir achegas e que especificou a conselleira, son os que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas.
Este tipo de apoios, incidiu Rosa Quintana, son unha mostra máis do interese de Galicia no coidado medioambiental do mar e dos profesionais que dependen del e na defensa do equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos co fin de promover a competitividade da pesca galega.
A isto engadiu que na convocatoria de 2022 a Consellería do Mar aprobou 70 proxectos por valor de máis de 1,1 millóns de euros e subliñou que é a que máis solicitudes rexistrou e na que máis importe se concedeu de todo o período FEMP. A maiores, incidiu en que todas as solicitudes que cumprían os requisitos foron seleccionadas e que entre a primeira convocatoria no marco do FEMP -do ano 2016- e a do ano pasado, a Xunta aprobou axudas a máis de 300 proxectos deste tipo por máis de 4,5 millóns de euros.
Ademais detallou exemplos de proxectos que se adoitan subvencionar con estas achegas como os relacionados coa modernización de buques, o subministro e instalación de hélices de manobra e a reforma das estruturas de abrigo na cuberta. Tamén equipamentos para os buques como dispositivos de salvamento e loita contra lumes, traxes de supervivencia, equipamentos de navegación ou adaptacións en instalacións para mellorar as condicións hixiénicas así como dispositivos radioeléctricos de comunicación por satélite e a implantación de sistemas wifi a bordo.
Buque Pino Montero Tres
O pesqueiro Pino Montero Tres que visitou hoxe a conselleira é un palangreiro de 35 metros de eslora construído en 2007, con porto base en Celeiro (Viveiro), que adoita faenar en augas de Gran Sol e do Atlántico Noreste e que está facendo a súa transformación para a pesca con volanta. Dentro da convocatoria de axudas de 2021 a propietarios de buques, beneficiouse dunha achega de preto de 12.200 euros para a instalación de antenas e equipos que permiten o acceso a redes de alta velocidade marítimas de internet.
Isto mellora as condicións de traballo e calidade de vida a bordo dos seus tripulantes así como o contacto con terra e é un exemplo do que posibilitan os apoios deste tipo. De aí, destacou a conselleira, que Galicia defenda a súa necesidade e así o manifestou desde o primeiro momento de cara ao próximo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura, pois trátase dunha cuestión vital para que a xente nova vexa o mar como unha opción laboral atractiva e para acadar a remuda xeracional no sector.
Apoios a tripulantes
Ademais destes apoios, a Xunta tamén pon a disposición do sector axudas destinadas a tripulantes de menos de 40 anos para a adquisición da primeira embarcación. A convocatoria de 2023 destas achegas foi publicada hai uns días no DOG e a elas o Executivo galego destina 300.000 euros co fin de impulsar a pesca sustentable. A través delas poderase financiar ata o 25% do custo do barco, cun límite máximo de 75.000 euros.