Site icon Crónica3.com A Mariña

A ciberseguridade e os ciberataques centraron as charlas impartidas en Ribadeo polo equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil de Lugo

Ribadeo, 27 de xaneiro 2023. Cada vez son máis frecuentes os delitos cometidos a través de internet. De ciberseguridade e ciberataques falaron onte en Ribadeo membros do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Lugo. As charlas foron organizadas por Acisa coa súa colaboración e a do Concello.

Entre os datos postos enriba da mesa: en 2017 denunciáronse en España máis de 110.000 casos de delitos cometidos a través de internet e en 2021 máis de 300.000. Galicia ocupa o quinto lugar de España en número de denuncias presentadas. As estafas creceron un 455%.

Que entendemos por Ciberseguridade? Evitar o roubo de calquera tipo de información que teñamos nos nosos dispositivos electrónicos. O fin da maioría dos delitos cometidos a través de internet e que afectan a particulares e empresas é a obtención rápida e fácil de diñeiro.

Desde o Equipo de Investigación Tecnolóxica puxeron de manifesto que a seguridade total na internet non existe e que hai consellos e boas prácticas, relativas aos contrasinais, ao emprego de bos antivirus ou a contar, por exemplo, cunha tarxeta prepago para facer compras a través de internet. Insistiron en que o barato non existe, por iso é recomendable desconfiar sempre desas ofertas que nos chegan a través das redes sociais ou aos correos electrónicos e sobre todo fixeron fincapé en non facilitar datos persoais: DNI, números de contas bancarias a ninguén por ningunha destas vías.

No caso de que nos consideremos vítimas dunha estafa a Garda Civil recomenda gardar todas as probas e poñelas no seu coñecemento.

As prácticas máis comúns a través de internet son estafas en compras de viaxes, estafas de produtos que nunca chegan ao seu destino, estafas en investimentos, servizos técnicos falsos, cartas nixerianas, subscricións, ofertas de emprego, romance scam-sexting e phising.

A antiga casa sindical de Ribadeo acolleu na tarde de onte dúas charlas, a primeira dirixida ao público xeral e a segunda ao empresariado local. O Equipo de Investigación Tecnolóxica contou que 64% das empresas do planeta sufriron algún tipo de ciberataque.

Ningunha empresa está libre de sufrir ataques por contrasinais, ataques por enxeñería social, phising, vishing e smishing, ataques ás conexións, por malware, ataques BEC… Se un empresario pensa que foi vítima delas o primeiro que debe facer é illar o seu computador desenchufándoo da rede e poñer inmediatamente o caso en mans da Garda Civil.

Entre as recomendacións para as grandes empresas: dividir os traballos e os correos por roles e que cada empregado teña o seu propio usuario e contrasinal. Entre outras medidas, recoméndase evitar o uso de dispositivos usb descoñecidos porque poden estar infectados.

Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, agradece ao Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Lugo, “su desplazamiento a Ribadeo para ofrecernos estas interesantes charlas. Nos quedó muy claro que cualquiera de nosotros, particulares o empresas, podemos ser víctimas de estafas y ataques a través de internet. Hay casos en la provincia de Lugo y en la comarca de A Mariña también, como demuestra la última operación realizada por estos agentes y denominada Firewood, que supuso la desarticulación de una organización criminal, la detención de 8 personas y la recuperación de 300.000 euros”.

Cruzado Iglesias subliñou: “la conclusión que extraemos de todo esto es que cuanto más compremos en las tiendas físicas, en las de Ribadeo en este caso, mucho mejor. Menos posibilidades tendremos de caer en estas trampas”.

Exit mobile version