Lourenzá, 7 de xaneiro de 2023. A Casa do Concello de Lourenzá acolleu hoxe, sábado, o acto inaugural do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O evento contou coa presenza do conselleiro de Cultura, dos presidentes da Deputación do Luqo, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, de alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros, así como de representantes de diferentes asociacións, da Fundación Penzol, da Editorial Galaxia, do CEIP Juan Rey, de Lourenzá, e do IES San Rosendo, de Mondoñedo, entre outros asistentes.
Na súa intervención a alcaldesa laurentina, Rocío López, comezou dando as grazas “a todos aqueles que contribuístes a que hoxe esteamos de celebración, en especial á Real Academia Galega, ás distintas corporacións municipais de Lourenzá, a Asociación Patrimonio Laurentino e tamén a todos os concellos da comarca da Mariña por todo o apoio prestado. Grazas tamén a todos os membros que forman parte da Mesa Fernández Del Riego: temos un grande labor por diante pero estou segura de que imos facelo moi ben e estaremos á altura, tal e como se merece Don Paco. Aproveito tamén para agradecer a colaboración económica que nos brindan tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia e que serán de gran axuda para poder levar a cabo todos os actos previstos para este ano 2023”.
A rexedora municipal destacou: “hoxe é un día de ledicia para todo Lourenzá e para todo Galicia. Hoxe, 7 de xaneiro, fai 110 anos que nacía nesta vila Francisco Fernández del Riego, e aquí nesta sala inauguramos o ano dedicado a súa figura no berce que o viu nacer. As rúas, as prazas e cada recuncho desta vila gardan as vivencias da nenez e a adolescencia da vida de Don Paco. Dende os paseos no cochiño coa súa avoa Dominica, alentando os aires da alameda da Praza do Conde Santo, pasando polos días de escola coa mestra dona Estrela e con Don Maximino, ata as tardes de caldelo, nas que se bañaba nas claras augas do río Baos, no Pozo de Cuñas. E foi aquí, no balcón deste Concello, onde un 25 de xullo do 1931, nunha estadía vacacional en Lourenzá e con 18 anos, pronunciou o seu primeiro discurso galeguista. A pesares de non vivir en Lourenzá sempre alardeou de onde era e sempre manifestou un agarimo especial polas súas raíces e pala súa vila natal. Don Paco foi, sen dúbida, o mellor embaixador do noso pobo; sempre gozou de presumir de onde era, da súa terra e das súas xentes. Firmou co pseudónimo Salvador Lorenzana, en alusión ao mosteiro vilego, publicou numerosos artigos de prensa dedicados a Lourenzá, foi pregoeiro das festas da Faba e do Conde Santo, fixo unha importante doazón de libros á biblioteca municipal, publicou libros como o Cego de Pumardedón ou Lourenzá, no que rende pleitesía e describe maxistralmente os lugares e as personaxes da vila que o viu nacer e constitúe, sen dúbida, referente para a historia do noso concello”.
Rocío López contou tamén que “a escasos metros de aquí, na praza Linares Rivas, consérvase a casa onde naceu, moi preto da vivenda da súa amiga a pintora Xulia Minguillón, que nunha ocasión ata lle pintou un retrato. Temos una rúa co nome Francisco Fernández del Riego e un busto del aquí, na praza do Conde Santo. É moi fonda e moi grande a pegada do noso laurentino máis ilustre no noso concello e debémoslle moito porque sempre presumiu de ser de onde era”.
A alcaldesa de Lourenzá salientou que Del Riego “foi deses homes con maiúsculas, capaces de cambiar a historia dun país, xa que foi fío condutor da súa cultura e da súa lingua. Del díxose que tiña corazón de ouro, mente luminosa e vontade de ferro ao servizo da patria galega; e proba diso son os 97 anos que dedicou á defensa dos principios que compoñen a identidade de Galicia. Deixounos un importante legado intelectual de valor incalculable, pero se por algo destacou foi por ser un home honrado, cun gran espírito de sacrificio, valente de pensamento e traballador incansable polos intereses da súa patria”.
E a rexedora rematou así: “hoxe nos corazóns laurentinos agóchanse sentimentos de ledicia e de felicidade porque esa ilusión que tiñamos por fin se fixo realidade, porque o noso veciño Don Paco, fillo predilecto deste Concello, creador e impulsor do Día das Letras será o protagonista deste ano e será homenaxeado non só en Lourenzá senón en Galicia enteira. E remato xa, sen estenderme máis, dándovos as grazas a todos por participar neste acto, e pecho cunhas estrofas do poema Galicia, de Manuel María, titulado (Soños na gaiola), que nos invitan á reflexión:
Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!
Galicia somos nós:
a xente e máis a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!”