Invasión eólica: regresión ambiental e democrática sen precedentes
En 2022 a Xustiza invalidou a política eólica da Xunta de Galiza a golpe de sentenza, por incumprir as leis de avaliación ambiental e de participación pública. O Tribunal Supremo anulaba a comezos de ano os parques eólicos Sasdónigas I e II de Mondoñedo, por fragmentación artificiosa, ao tempo que o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) declaraba nula a repotenciación do parque eólico de Corme, polo recorte ilegal de prazos e outras deficiencias das modificacións legais da Xunta para a simplificación administrativa. No outono, novos autos e fallos xudiciais volvían dar esperanza á cidadanía afectada ao cuestionar a política eólica da Xunta. En outubro, o Supremo anulaba definitivamente o parque eólico Serra do Iribio, a instancias do recurso contencioso-administrativo presentado por ADEGA, FOP e a SGO en 2019. E o TSXG notificaba a ADEGA a paralización cautelar de dous dos tres proxectos de Greenalia autorizados en 2021 pola Xunta e recorridos por ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. Porén, ADEGA viuse obrigada a impulsar a campaña de recadación solidaria “Ti podes paralos!” para conquerir os 20.000 € de fianza que o tribunal esixía para facer efectivas as medidas cautelares. En tan só 7 días conseguíronse, ficando paralizados os proxectos eólicos Campelo e Bustelo, antes de comezadas as obras. Tamén no outono de 2022 o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, do que fai parte ADEGA, recorreu en contencioso-administrativo o Plan Nacional Integral de Enerxía e Clima (PNIEC), as directrices do Ministerio de Transición Ecolóxica para o desenvolvemento enerxético até 2030.
A política enerxética do Estado en 2022 estivo fortemente marcada pola guerra da Ucraína, e pola regresión legal en materia de protección ambiental. O conflito bélico foi utilizado como escusa para impoñer e acelerar a implantación da macro-eólica e da macro-fotovoltaica. Co RDL 6/2022, o Goberno eliminou a tramitación ambiental a consulta pública dos proxectos de renovábeis de até 75 MW de potencia, un retroceso significativo en materia de avaliación ambiental e un ataque directo contra os intereses colectivos. O executivo español apuntouse á simplificación administrativa a para favorecer as eléctricas, imitando o feito por Núñez Feijóo en Galiza coas leis de “depredación” e simplificación administrativa.
Tamén en 2022, a eólica mariña sufriu un significativo empurrón. O Ministerio de Transición Ecolóxica admitiu a trámite nove proxectos eólicos mariños nas costas galegas, con 4,2 xigavatios de potencia. Deste xeito, o Ministerio incumpría os seus compromisos, pois en xuño de 2021 acordara unha moratoria para a admisión de novos parques eólicos mariños até aprobar un novo marco normativo.
Construíndo a alternativa desde abaixo e esixindo responsabilidades
Ante un escenario cada vez máis belixerante cos valores democráticos, a sociedade galega autoorganízase na procura da alternativa ao actual modelo enerxético. En 2022, a Coordinadora Eólica Así Non, formada por máis de 200 entidades galegas, protagonizou mobilizacións masivas contra o actual modelo de implantación de renovábeis imposto polo lobby enerxético, coa conivencia dos gobernos galego e estatal. En xaneiro, a Coordinadora concentrábanse diante do Parlamento Galego e da Valedora do Pobo para reclamar a derrogación das “leis de depredación” e o dereito á participación pública. O 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, Eólica Así Non ocupaba por segunda vez a Praza do Obradoiro, ao berro de “Temos Alternativa, por unha enerxía xusta e sustentábel por e para o pobo”, para esixir un novo modelo enerxético. E no Día Mundial das Montañas, o 11 de decembro, preto dunha vintena de localidades galegas afectadas polo espolio eólico acolleron mobilizacións nas que participaron milleiros de persoas.
As denuncias da Coordinadora Eólica Así Non chegaron tamén a Bruxelas da man de ADEGA e através da europarlamentaria Ana Miranda. Acudimos á Comisión Europea con dúas denuncias contra o Estado e a Xunta por vulnerar o dereito comunitario de medio ambiente e de participación pública na autorización de eólicos en Galiza. Pouco despois do encontro coa CE, que adquiría o compromiso de estudar as denuncias, a mesma Comisión propoñía un novo “regulamento temporal de emerxencia” para acelerar a implantación das renovábeis, mesmo recortando dereitos e poñendo en risco a preservación da biodiversidade. Contra este regulamento alzáronse as voces da comunidade científica, pola regresión na protección ambiental que supón.
No ámbito penal, xurdiron as primeiras denuncias por prevaricación na autorización de parques eólicos. ADEGA levou á Fiscalía a ex-directora xeral de planificación enerxética, Paula Uría, por presunta prevaricación e malversación na tramitación de parques de Greenalia, empresa da que é conselleira executiva a que fora titular de Medio Ambiente da Xunta, Beatriz Mato. Uría deulle por executado a Greenalia o plan industrial asociado a dous parques eólicos sen que este se tivera desenvolto, e perdoándolle así á empresa de Mato case 12 millóns de euros.
2022: Os peores lumes despois de 2006
2022 viviu a peor catástrofe ecolóxica producida polos incendios despois de 2006 e, quizais, a peor de todos os tempos para os espazos protexidos de Galiza. Os lumes de xullo e agosto arrasaron o espazo natural do Courel, case a totalidade do Parque Natural do Invernadoiro, e unha extensa superficie do Macizo Central ourensán e do Parque Natural da Enciña da Lastra. As chamas, que tamén avanzaron pola comarca de Valdeorras, Monterrei, A Cañiza, O Ribeiro e Arenteiro, foron especialmente virulentas. En tan só 45 días arderon 43.000 hectáreas, baixo a política de opacidade informativa e manipulación por parte do goberno galego. A Fiscalía de Medio Ambiente mantén aberta unha investigación a raíz dunha denuncia da Plataforma por un Monte Galega con Futuro contra a Xunta polo seu desleixo e neglixencia nesta vaga incendiaria. A plataforma denunciou o incumprimento do PLADIGA ao non se ter activado todo o operativo de extinción previsto para a tempada de máximo risco nin executar os traballos de prevención previstos, así como por non aplicar os protocolos de protección civil e de emerxencia nunha situación de máxima alerta incendiaria. En xullo, tiveron lugar as primeiras concentracións de repulsa convocadas por ADEGA en Lugo e en Ourense, ás que acudiron preto dun milleiro de persoas; e xa no mes de agosto, sucedéronse novas mobilizacións nas sete cidades galegas convocadas polas máis de 50 entidades da plataforma Por un Monte Galego con Futuro.
A crise incendiaria coincidiu coa estrea na presidencia da Xunta de Alfonso Rueda, que rapidamente se situou ao carón do lobby eucalipteiro, como o seu predecesor. Mentres os montes ardían, Rueda actuaba como axente comercial de ALTRI diante do goberno estatal para destinar fondos Next Generation ao proxecto pasteiro de Palas de Rei. Dita instalación, declarada de interese estratéxico pola Xunta, prevé producir 200.000 toneladas de fibra de eucalipto e extraer case 500 millóns de m3 de auga do Ulla ao ano.
Despotismo non ilustrado en materia de biodiversidade
En materia de biodiversidade, a política da Consellaría de Medio Ambiente caracterizouse polo seu despotismo, especialmente evidenciado nos órganos consultivos, como o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS). A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, abandonou sen mediar explicación a xuntanza do COGAMADS cando colectivos ecoloxistas e sindicais solicitaron votar unha proposta de moratoria eólica, como recollía a orde do día. A vergoñenta “fuxida” da conselleira, que na práctica bloqueou o debate e votación da moratoria eólica, representa o seu compromiso problemas ecolóxicos do país. Tamén ignorou a proposta de áreas de exclusión para o desenvolvemento das macro-renovábeis, feita polo movemento ecoloxista galego.
O décimo quinto aniversario do Catálogo Galego de Especies Ameazadas evidenciou o escaso avance na protección e recuperación de especies vulnerables ou en perigo de extinción. Desde 2007, só tres destas especies contan con plans de recuperación ou conservación, o resto segue sen o correspondente e obrigatorio instrumento de xestión. O desleixo da Xunta estaría condenando á extinción algunhas das especies máis singulares do noso territorio: a tartaraña cincenta sufriu un declive do 59 ao 81% entre 2006 e 2017, e a gatafornela de entre un 70 e un 90%.
A vaga de calor sufrida o pasado verán puxo o foco de novo na situación da gaivota patiamarela. Centos de crías, nomeadamente desta especie, apareceron mortas nas rúas de vilas e cidades no mes de xullo e agosto, tras caer dos tellados abafadas pola calor, agravando a situación de declive da poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis) superior ao 35% na última década. A este episodio de mortaldade, sumáronse outros de especial relevancia para as aves mariñas, derivados de novos gromos de botulismo e gripe aviaria.
A consellaría de Medio Ambiente tamén se retratou en 2022 pola súa ofensiva contra a inclusión do lobo no Listado de especies en rexime de protección especial, levando ao Ministerio aos xulgados e polarizando aínda máis o conflito co sector agro-gandeiro. Recentemente, a Xunta publicou os primeiros datos do censo galego do lobo que, segundo a consellaría, confirman a evolución positiva da especie en Galiza, algo que os colectivos ecoloxistas poñemos en cuestión porque os datos amosan unha poboación estancada dende hai 20 anos.
A protección dos humidais galegos, daquela maneira…
Ata este ano, o país dos 1.000 ríos e dos máis de 1.100 humidais (ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras) tiña unicamente protexidas 5 zonas húmidas: as rías do Eo e Ortigueira, a lagoa de Valdoviño e os complexos Umia-Ogrobe e Corrubedo, aliás do máis recente das Illas Atlánticas. Porén, en 2022 as demandas de ADEGA en materia de protección de humidais foron incorporadas nos documentos definitivos de planificación das bacías Galiza-Costa e Miño-Sil, e todo o conxunto de humidais inventariados desde 2003 pasarán a incorporarse como zonas protexidas nos plans hidrolóxicos. Un paso definitivo para a protección de humidais galegos, que no actual contexto de mudanza climática non podía demorar máis logo de 20 anos de abandono por parte da Xunta e do Estado. Este “pasotismo” levou a que moitas destas zonas húmidas xa foran ocupadas e degradadas por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos.
A teor deste avance, ADEGA instou á Xunta e ao Ministerio a revisar de oficio as autorizacións ambientais concedidas para os parques aínda non construídos ou en tramitación que poidan afectar a algún dos 1.131 humidais e solicitou a incorporación de novos humidais ao inventario de zonas protexidas, como o Pozo da Lagoa en Corme, ou a Braña da Calzada, ameazadas polos eólicos.
20 anos de Prestige: o revivir da catástrofe
O ano 2022 devolveu á nosa memoria colectiva a catástrofe do Prestige, ao cumprírense 20 anos do afundimento do petroleiro nas costas galegas. Lembranza que se manifestou nunha diversidade de emocións e que obrigou a facer balanzo do aprendido e do avanzado en materia de prevención da contaminación mariña por hidrocarburos. ADEGA fixo o seu propio balanzo, apuntando, entre outras deficiencias, ao fracaso do Plan de continxencia por contaminación mariña accidental de Galiza (CAMGAL), á ausencia de portos refuxio, e á falta de xestión dunhas 10.000 t de chapapote que aínda permanecen almacenadas nas balsas de SOGARISA, nas Somozas.