Viveiro, 14 de decembro de 2022. O Concello de Viveiro acolle o martes día 20 a presentación da proposta do Plan para a Implementación da Axenda 2030 na vila, acto no que se exporán as principais medidas que propón este programa e no que se creará un espazo para que as veciñas e os veciños poidan compartir as súas opinións e propostas.
A Sala de Exposicións do Conservatorio Profesional de Música será a sede, entre as 12:00 e as 13:30 horas, deste obradoiro no que se explicará a Axenda 2030 e os seus 17 ODS como reto mundial no ámbito local, se exporá cal é o punto de partida do Concello de Viveiro segundo a análise realizado tras o proceso participativo de recolla de información levado a cabo fai uns meses, e se presentará tamén a proposta local. Posteriormente abrirase a intervención a todos os asistentes.
Esta actividade serve para dar un paso máis na adhesión do municipio ao proxecto “A Axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación”, un programa concibido como unha estratexia global para traballar conxuntamente a través dos 17 obxectivos (os 17 ODS) no camiño do desenvolvemento sostible.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FGCS) impulsa dende 2017 a promoción desta Axenda 2030 no eido local en Galicia, que a pesar da súa ambición global trátase en esencia dun proxecto que emprega as institucións máis próximas á sociedade para poder executar accións que teñan un impacto directo no día a día das persoas e a contorna.
A inscrición ao obradoiro pódese facer a través do seguinte enlace: https://forms.gle/hL3hx2WDorX1CnpbA