Un particular alertou ao 112 Galicia á 1:45 horas da madrugada. No transcurso da chamada, indicou que circulaba pola N-642, á altura de San Pedro de Cangas (Foz), cando o vehículo de diante caeu dunha ponte, sobre as vías do tren. O seu único ocupante estaba ferido, e parecía non poder saír polos seus propios medios. Pouco despois, un familiar que foi contactado directamente polo accidentado confirmaba os feitos ao 112.
De inmediato, os xestores do 112 informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo e aos membros de Protección Civil de Foz. Ademais, comunicouse o acontecido ao persoal de Adif, que rapidamente comprobou que non había circulacións previstas pola zona e que os servizos de emerxencias podían traballar en condicións de seguridade.
Entón, os Bombeiros de Barreiros procederon a excarcerar ao condutor, que se atopaba ferido e que sería trasladado en ambulancia ao Hospital Público da Mariña.
Minutos antes das 5 horas, desde Adif comunicaron que o vehículo fora retirado da vía sen que as infraestruturas se viran afectadas.