O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo anunciou nun encontro da candidata socialista, Alba Sinde, con veciños e veciñas do municipio que o edificio propiedade da institución provincial que albergaba o psiquiátrico “contará cunha ocupación e unha actividade efectiva”
Ademais, valorou o apoio económico da Deputación de Lugo no concello, “co funcionamento da Granxa Gayoso Castro, co Centro de Recría ou a Granxa Experimental de Leite, onde fan prácticas alumnos de moitos puntos de España”.
José Tomé, acompañado de cargos orgánicos do partido, participou no encontro que a candidata socialista á Alcaldía de Castro de Rei, Alba Sinde, mantivo coa veciñanza para coñecer as súas necesidades.
No acto, celebrado onte sábado na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea, o dirixente socialista destacou que Alba Sinde conta coa formación que a acredita para facer unha gran labor no Concello de Castro de Rei. E sinalou que a candidata socialista “encarna un proxecto de futuro, novo, xoven, con ilusión e co que seguro ampliará o resultado electoral no concello”. Asegurou que, “se hoxe se celebraran eleccións, o PSOE melloraría os resultados no conxunto da provincia. Estamos nun bo momento, as perspectivas son boas, pero hai que traballar”, incidiu.
José Tomé, quen puxo en valor o “excelente traballo” realizado polo ex-Alcalde socialista, Juan Valiño, presente tamén neste encontro, gabou a decisión do secretario xeral e actual voceiro de Castro de Rei, Jose Luís Castro Tellado, de dar un paso a un lado, para apoiar a Alba Sinde. “Ese xesto é de agradecer”, remarcou.
Na súa intervención, Tomé Roca aludiu á política laboral que impulsa o Goberno do PP en Galicia no eido sanitario. “Os nosos mozos e mozas marchan de aquí porque as condicións laborais son peores, e os contratos son peores.” E puxo como exemplo que os médicos que se contrataron pola Covid na nosa comunidade “non se lles renovou o contrato. Isto non é unha mala xestión, é insulto á cidadanía”, replicou.
No que atinxe á política industrial, denunciou que o PP “non ten ningún plan industrial para a provincia”. Sinalou as constantes fotos de Feijóo en Alcoa, “pero solucións cero”, que a Xunta “segue sen gastar a metade do orzamento do IGAPE”, ou a súa inoperancia en Viveiro, coa empresa Vestas, “onde había 125 traballadores, pero o Goberno galego nin a pisou, cando é unha competencia da comunidade autónoma”, o mesmo que aconteceu coa empresa conserveira ALBO.
Un sentimento de orgullo
Pola súa banda, Alba Sind dixo que unhas das inquedanzas que a levou a encabezar a candidatura socialista “é a de implicar á mocidade da vila na política local. Non podemos ver aos mozos emigrar sen ningunha perspectiva para o seu futuro. Temos que opinar e decidir entre todos e todas”.
Tras percorrer as parroquias de todo o concello, comprobou como a veciñanza se queixa “de que os problemas do concello só se arranxan si están preto as eleccións. Esta é a política clientelar ás que nos ten acostumando o PP de Castro de Rei”. “E por suposto -insistiu- preséntome a estas eleccións porque teño un sentimento de orgullo de traballar polo meu pobo e poñelo no mapa”, explicou na súa intervención.
Arroupe socialista
Xunto ao Secretario Xeral do PSdeG na provincia, a candidata socialista estivo acompañada neste acto pola Secretaria de Organización na provincia, Pilar García Porto, o Voceiro do Grupo Parlamentario, Luís Álvarez, a Deputada no Congreso Ana Prieto e o Senador César Mogo, así como compañeiros e militantes da comarca.