Ribadeo, 12 de decembro de 2022. A Policía Local estivo a realizar controis de alcoholemia, que seguirán nos vindeiros días xunto a outros de velocidade en rúas de titularidade municipal da vila e das parroquias. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que o obxectivo é concienciar á sociedade “para evitar que actitudes imprudentes poidan causar accidentes de circulación”.
O rexedor contou que “desde o servizo de Policía Local do Concello levamos xa varios días efectuando unha serie de controis de alcoholemia. Ata o dia de hoxe foron un total de tres, en diferentes puntos da vila. Afortunadamente non houbo que cursar ningunha denuncia por conducir baixo os efectos do alcohol, o cal é unha boa noticia o compromiso que manifestaron os condutores. Este tipo de controis prevense que seguirán no futuro en diferentes emprazamentos aleatorios”.
Suárez Barcia indicou que “por outra banda, nas próximas datas tamén desde a Policía Local se realizarán controis de velocidade por diferentes rúas de titularidade municipal, tanto da vila como das parroquias. Este tipo de servizos tamén serán de carácter puntual e aleatorio. Para iso, axudaramos o vehículo e o material que nos cede a Xefatura de Tráfico de Lugo, en virtude do convenio de colaboración que temos asinado con eles”.
O alcalde subliñou que “o que se pretende con este tipo de accións é buscar a maior concienciación social para evitar que todo este tipo de actitudes imprudentes como o alcohol ou a velocidade poidan causar accidentes de circulación que todo o mundo quere evitar”.