O goberno municipal acometeu a renovación total dos vehículos nestes tres anos e medio cun investimento de preto de 300.000 euros
Lugo, 21 de decembro de 2022. O Concello de Barreiros acometeu nestes tres anos e medio a renovación da totalidade do seu parque móbil, cun investimento de preto de 300.000 euros dos que o 75% foi aportado pola Deputación de Lugo.
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire visitou esta mañá o consistorio barreirense para comprobar o estado dos vehículos que se foron adquirindo nestes tres últimos anos, nos que o goberno municipal fixo fronte á renovación total da flota de traballo.
Durante a visita, na que estivo acompañada da alcaldesa, Ana Ermida, e do resto do goberno municipal, puido comprobar o uso que se lle está dando a todos os vehículos no traballo diario do persoal municipal.
A alcaldesa explicou que no momento en que accederon ao goberno “o parque de vehículos non reunía unhas condicións mínimas para desenvolver o traballo, supoñendo un importante gasto en reparacións e a ineficacia dos servizos durante as abundantes avarías.” A rexedora sinalou que “o vehículo máis novo que había no 2019 tiña 20 anos.”
Nestes investimentos adquiríronse dous vehículos para o servizo de augas e un camión, con fondos do Plan Único Provincial, e unha furgoneta para obras e servizos e un tractor, con cargo a convenios coa área de Medio Rural. Estas adquisicións completáronse con un camión que presta os servizos de punto limpo móbil cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e unha motobomba cedida polo Concello de Lugo.
Ana Ermida agradeceulle a deputada o seu compromiso co municipio barreirense e cos investimentos que se propoñen desde o goberno municipal, “xa que, de non ser polo seu apoio, non sería posible acometer as mudanzas que tiveron lugar en Barreiros nestes tres anos e medio.”
Mónica Freire puxo en valor “o esforzo realizado polo goberno municipal na xestión dos cartos públicos para dotar ao persoal municipal de medios cos que desenvolver o seu traballo de xeito cómodo, seguro e eficiente.” Ao tempo, manifestou o seu convencemento de que “este tipo de xestión é fundamental para que os servizos públicos funcionen e, indirectamente, se poida mellorar a vida das veciñas e veciños.”
O finanzamento recibido por parte do ente provincial superou os 217.000 euros, xunto con 40.000 da Xunta de Galicia e algo máis de 25.000 de fondos propios municipais.