O BNG defende un modelo eólico a favor País, que aporte industria, emprego e abarate a luz, desde o respecto ao rural e ao medio ambiente
“Empezaron en 2009 co abrazo a Ignacio Galán, presidente de Iberdrola; seguiron co veto sistemático á tarifa eléctrica galega, impedindo que familias e empresas teñan unha tarifa máis barata, e agora temos ao PP en pleno boom eólico depredador da man das eléctricas, para que se sigan forrando roubándonos o noso vento, o noso monte, a nosa riqueza natural, sen importarlles o rural nin a vida da xente do rural”, denunciou Pontón.
“Mentres Endesa, Iberdrola, Naturgy e tantas outras teñen beneficios obscenos, os galegos e as galegas non reciben nada, ao contrario, cada vez pagamos a luz máis cara. Para as eléctricas todo, para os galegos e as galegas, nada; ese é o lema do PP”, sentenciou, para definir o modelo dun Partido Popular “convertido en axente comercial das eléctricas, lexislando ao seu ditado, que para iso funcionan as portas xiratorias”, denunciou, poñendo como exemplo o caso da eléctrica na que se recolocou a ex conselleira popular Beatriz Mato, “que pasou de sentar no Consello da Xunta a sentar no consello de administración de Greenalia”
“A mesma empresa, que casualidade, á que o Goberno do PP perdoa 11,7 millóns de euros, esa é a maneira de gobernar do Partido Popular”, denunciou, avanzando que o BNG vai pedir que se rectifique unha decisión que xa chegou á Fiscalía a través dunha denuncia de ADEGA por suposto delitos prevaricación e malversación.
Fronte a ese modelo depredador, o BNG defende un modelo baseado no control público da riqueza enerxética do País.
“Se realmente queremos que a riqueza eólica de Galiza se quede en Galiza a única maneira é ter o control público: Quitarlle a chave desa riqueza ás eléctricas e darlla aos galegos e as galegas. Esa é a proposta do BNG, control público da nosa riqueza eólica cun modelo ao servizo de Galiza, respectuosa co medio ambiente, co rural e coa xente que vive no rural, que sirva para crear industria e emprego e para abaratar a factura da luz a familias e empresas”, explicou a líder nacionalista no seu cara a cara co presidente da Xunta.
Pontón destacou que o BNG defende que todas as persoas e todas as empresas se beneficien dunha factura da luz máis barata, fronte a un PP que prima a catro multinacionais.
“Saben cal é o principal problema da industria deste País? O PP, desde que gobernan perdéronse 16.000 postos de traballo no sector e non foron capaces de salvar nin unha soa empresa en crise”, e agora, “colocan a riqueza eólica a favor do lobby eléctrico chantaxeando a Galiza coa coartada de supostos proxectos industriais”, alegou Pontón.
De novo a líder do Bloque puxo como exemplo Greenalia que pretende instalar 29 parques eólicos coa escusa de abastecer ALCOA.
Facer caixa para sempre
“E que pasa se ALCOA incumpre o seu compromiso de reiniciar as cubas en 2024? Que pasa se decide o peche definitivo en tres, catro ou cinco anos? Sería a primeira vez que se ri na cara do goberno da Xunta! Pasaría que teríamos menos industria e menos emprego na Mariña, pero a empresa da ex consellería do PP tería 29 parques eólicos facendo caixa a costa de Galiza de aquí a eternidade”, explicou.
Pontón criticou a estratexia popular de anuncios que non pasan dos titulares, neste caso para xustificar o espolio eólico. “Podería recitar aquí todos os grandes proxectos industriais que anunciaron a bombo e prato e que foron un auténtico fiasco. Pero vou resumilo nunha palabra: PEMEX. Non lle parece denigrante, como presidente da Xunta, converter Galiza nunha colonia enerxética das multinacionais?”, interpelou Pontón ao xefe do Executivo.
A portavoz do Bloque recomendoulle ao presidente da Xunta que vaia a Madrid a defender os intereses do País e non a facer de servidor das eléctricas. “Eu teño moitas diferencias co señor Lambán, pero recoñézolle que polo menos vai a Madrid a defender que Aragón se beneficie da súa riqueza eólica para abaratar a factura da luz, xusto o contrario do que fai vostede”.
Hoxe hai 4.000 aeroxeneradores en 106 concellos e hai en tramitación 315, “o que implica que case non habería nin un só concello rural sen muíños de vento, por certo,
saben cantos muíños ten Madrid, a gran consumidora da electricidade que produce Galiza? Cero”, concluíu Pontón, insistindo en que a riqueza eólica “é unha gran oportunidade para o País e debe poñerse ao servizo dos galegos e das galegas cun modelo que pasa polo control público desa riqueza”.