Dende o PSdeG inciden en que xa denunciaron esta mesma situación hai preto de un ano, “incluso se aprobaron iniciativas parlamentarias, co apoio do PP, nas que se solicitaba chegar á dotación inicial todos os días da semana co obxectivo de poder retomar a atención presencial na totalidade dos concellos do distrito sanitario da Mariña”.
O servizo de HADO ofrece unha alternativa asistencial á hospitalización convencional, para atender entre outros a doentes oncolóxicos, infecciosos, con cirurxías complexas, crónicos ou en estado terminal. “Os doentes e as súas familias están padecendo unha delicada situación, algúns deles con patoloxías crónicas ou terminais, e que actualmente só reciben atención telefónica”. A maiores, moitas veces son derivados á atención primaria, onde tamén se vive unha “situación caótica”.
Actualmente, os servizos de Paliativos e HADO non se están prestando de xeito presencial en 10 dos 14 concellos da Mariña, quedando, polo tanto, máis do 60% da súa poboación sen servizo. “Queremos que se cubran de xeito urxente as vacantes desta especialidade, máxime, nun servizo que atende a doentes con necesidades moi especiais, e que tamén afecta ás súas familias”, remarcan.
Ribeira de Piquín
En relación coa “precariedade” nos medios sanitarios que padece a provincia pola “nefasta xestión da Xunta”, o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, denunciou onte mesmo a situación de abandono que esta padecendo á veciñanza do seu concello. Avanzou que esta disposto a mobilizar aos seus veciños e recoller sinaturas, “xa que só hai un médico en descontinuo e cubrindo o servizo dous ou tres días á semana no noso centro de saúde. Só atende unhas horas e non sabemos nin cales”, asegurou.