Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian as condicións laborais do persoal sanitario e instan á Xunta a cumprir as súas obrigas en materia de prevención de riscos

Pide á Administración autonómica adoptar as medidas oportunas para cumprir coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo e a avaliación dos riscos dos postos de traballo, non só dos médicos de Atención Primaria e de pediatría, senón do conxunto dos profesionais do sistema

Lugo, 23 de decembro de 2022. Os socialistas denuncian as condicións laborais do persoal sanitario pola carga de traballo que están soportando os facultativos, unha situación que “vén de confirmar unha sentencia xudicial na que se sinala que se vulneran eses dereitos, así como as consecuencias do desmantelamento deste servizo público”.

Por iso, o Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes día 27 de decembro, unha moción para instar á Xunta a que cumpra a sentencia 05354/2022 do TSXG, co fin de adoptar as medidas oportunas para cumprir coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo e a avaliación dos riscos dos postos de traballo, non só dos médicos de Atención Primaria e de pediatría, senón do conxunto dos profesionais do sistema público sanitario de Lugo e Galicia.

Dende o PSdeG denuncian que dende “a chegada do Partido Popular á Xunta fixo caso omiso das reiteradas queixas e reclamacións dos profesionais sanitarios relacionadas coa situación da sanidade pública e as condicións de sobrecarga do seu traballo. Unhas condicións que resultan especialmente graves nos servizos de Pediatría e Atención Primaria, que teñen sufrido dun xeito especialmente agudo o resultado das políticas de recortes de persoal e mala xestión levadas adiante polos sucesivos gobernos populares”.

A Xunta non reacciona
Hai que lembrar que a situación, que xa era mala, “agudizouse a partires do ano 2020, por mor da pegada da pandemia, que trouxo unha carga de estrés engadido a servizos que xa estaban infradotados e traballando ó límite”. As observacións dos representantes de sindicatos médicos e de enfermería; as testemuñas dos profesionais recollidas polos medios de comunicación; e as manifestacións en defensa da sanidade pública e reclamando condicións dignas de traballo para os profesionais “non fixeron reaccionar ós responsables políticos do Sergas e da Consellería”, advirten.

Unha sentencia que dá respaldo xurídico ó que xa era un clamor social
O Grupo Socialista da Deputación de Lugo leva adicado unha boa parte da súa actividade durante este mandato a presentar propostas en defensa da sanidade pública e os seus profesionais, “nomeadamente no rural”. “Propostas que non tiveron nunca nin acollida nin resposta positiva por parte da Xunta. Por iso, o Grupo Provincial Socialista celebra o fallo dunha sentencia que vén dar respaldo xurídico ó que xa era un clamor social”, inciden.

Exit mobile version