Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Mondoñedo cualifican de “despilfarro” os gastos en propaganda do goberno local, que superan os 90.000€

O Grupo Socialista de Mondoñedo, que rexeitou os orzamentos do PP, denuncia que o goberno municipal incrementa a partida de publicidade e propaganda en máis de 11.000 euros

Mondoñedo, 1 de decembro de 2022. O Grupo Socialista de Mondoñedo denuncia que o PP de Mondoñedo incrementa a partida de publicidade e propaganda do Concello en máis de 11.000 euros con respecto ás contas do ano pasado. Concretamente para protocolo destina 31.000 euros (un aumento de 5.500 euros con respecto ao ano anterior), e a de publicidade ata os 59.100 euros ( sube 5.800 euros), o que fai un montante total de 90.100 euros.

“É dicir pasamos de incrementar estas dúas cuantias en 11.300 euros, cando a partida para a creación de emprego do concello é de 47.431 euros. Estas son as prioridades do PP no concello de Mondoñedo, anuncios e propaganda”, denuncian dende o PSdeG.

Nesta sesión plenaria, na que os socialistas rexeitaron os orzamentos do PP, advertiron dos constantes anuncios do PP nos medios, trala aprobación dos orzamentos da Xunta na que se informou dunha partida de 2,1 millóns incluídos no Plan Rexurbe, e que non aparecen reflectidos nestas contas. Ademais doutras partidas significativas como achega da Deputación de Lugo, a través do Plan único que ascenden a arredor de 300.000 euros.

Singularmente chama a atención que non haxa nada orzamentado para rematar dunha vez as obras da Praza da Catedral, ou mesmo outros proxectos que anunciou o propio Concello como as obras de Rocha de Vélez.

Ximnasio municipal
A Voceira socialista, Esperanza González tamén se interesou, nesta mesma sesión plenaria, polo procedemento que vai seguir o Concello para a reapertura do ximnasio. O Goberno municipal informou que se alquilou unha nave na avenida de Buenos Aires, número 67, para instalar temporalmente o ximnasio pola que o Concello paga unha cota mensual de 918 euros nun contrato de seis meses, e despois informaron que o ximnasio voltará ao edificio da Casa da Cultura, unha vez rematen as obras.

Estabilización do persoal laboral do Concello
Tamén interpelaron ao Goberno local para coñecer en que proceso se atopa a convocatoria para a estabilización do persoal laboral do Concello de Mondoñedo. Os servicios xurídicos do Concello informaron que previsiblemente, trala ponte da Constitución de decembro, estará lista a convocatoria. Ademais avanzaron que se reunirán cos representantes dos traballadores, tal e como marca a normativa, para explicar o procedemento dos procesos existentes. Dende o Grupo Socialista insistimos na necesidade de cubrir os postos de traballo que hai vacantes na RPT, por xubilacións, enfermidades, baixas.., xa que son necesarios para cubrir os servizos básicos do Concello de Mondoñedo.

Ademais tamén preguntamos polo responsable das supervisións das obras que está realizando o Concello nas diferentes parroquias, “xa que recibimos queixas dos veciños de que non están executando correctamente”.

Moción en defensa das traballadoras do consorcio galego
O Grupo Socialista de Mondoñedo defendeu unha moción, polo tramite da urxencia e que foi aprobada por unanimidade de tódolos grupos, para solventar a problemática das traballadoras do consorcio galego de servizos de igualdade e benestar. A través desta proposta demandaron á Consellería de Política Social a que reciba ao comité de folga das traballadoras do Consorcio Galego para escoitar as súas demandas. E tamén instan á Xunta a resolver o conflito laboral plantexado no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

“Defendemos esta iniciativa polo tramite da urxencia, tras comprobar que non estaba incluída na orde do dia, xa que foi rexistrada polas propias traballadoras afectadas no Concello. Non entendemos como se pode deixar fóra do debate esta iniciativa e pola contra o PP presente unha moción para debater sobre o delito de sedición. Hai que gobernar ao carón da xente e non dándolle as costas ás traballadoras afectadas e as súas familias”, din dende o PSdeG.

Exit mobile version