Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas da Mariña únense para defender os intereses da comarca fronte ao “abandono do PP”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, reuniuse con alcaldes, concelleiros, voceiros e militantes da Mariña, un encontro no que acordaron unha estratexia de acción política conxunta para reivindicar o enorme potencial da comarca e esixir os servizos, infraestruturas e industria que necesita para seguir avanzando

Foz, 21 de decembro de 2022. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, reuniuse na sede do partido en Foz con alcaldes, concelleiros, voceiros e militantes da Mariña, un encontro no que acordaron unha estratexia de acción política conxunta para defender os intereses da comarca fronte ao abandono que vén sufrindo por parte do Partido Popular.

Os socialistas da Mariña únense desta forma para reivindicar o enorme potencial da comarca e esixir os servizos, infraestruturas e actividade industrial que necesitan os mariñanos e mariñanas para seguir avanzando no seu desenvolvemento social e económico, solicitando proxectos pendentes e facendo seguimento dos iniciados, por parte de todas as administracións, tanto da Xunta de Galicia como do Goberno do Estado.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia puxo en valor “o traballo e esforzo” que están facendo os socialistas da Mariña, tanto alcaldes e alcaldesas, como voceiros, concelleiros, secretarios xerais e militancia, “para mellorar esta comarca, que ten un peso fundamental na nosa provincia polas súas características sociais, culturais e económicas, en sectores como a pesca ou a industria”.

Un esforzo “moi importante”, destacou, sobre todo porque deben loitar contra “o abandono e o castigo que vén sufrindo A Mariña por parte dos Gobernos do PP na Xunta de Galicia”, “agudizado nos últimos anos en áreas como a sanidade, as infraestruturas e a industria, ata o punto de bloquear o desenvolvemento dos concellos e que pode resultar irremediable”.

Desta forma, os socialistas impulsarán unha estratexia de acción política de cara a “reivindicar todo o que os veciños e veciñas da Mariña necesitan e merecen; denunciar os agravios que sofre a comarca; plantexar solucións concretas aos problemas; coordinar mellor as accións e darlle a maior proxección posible ás xustas reclamacións da Mariña”.

Como exemplo dos “recortes e os desprezos” da Xunta á Mariña, os socialistas lembraron, en materia sanitaria, a grave falta de médicos de familia e pediatras na Atención Primaria ou a negativa a recuperar a ambulancia medicalizada de Foz; en canto a infraestruturas, o parón da VAC Costa Norte ou de infraestruturas de saneamento e abastecemento; e en canto a industria, a inexistencia dun plan industrial.

O PP “traizoou á Mariña” con Altri

Neste ámbito, o líder do PSdeG na provincia acusou ao PP de “traizoar” á Mariña co proxecto industrial de Altri, e de utilizar politicamente a situación de Alcoa, “que agora xa non lles é rendable, e por iso non veñen sacar fotos á Mariña”, sinalou.

O dirixente socialista sinalou sobre o proxecto de Altri “que o PP anunciou unha promesa para que se instalará en Cervo. Incluso Elena Candia chegou a defender unha proposta no Parlamento de Galicia, e despois anuncian que se vai instalar en Palas de Rei. Isto é un autentico engano”. Tamén lembrou a situación de Vestas con 125 postos de traballo: “ese si que era un asunto da súa competencia, pero por alí non apareceron, ou en Albo, onde aconteceu o mesmo”.

Fronte a esta situación provocada pola Xunta, “os socialistas temos un proxecto para A Mariña, para o conxunto da provincia de Lugo e para Galicia. De feito, cando gobernamos os socialistas, a sociedade avanza”, asegurou José Tomé, quen incidiu en que, polo tanto, os mariñanos “necesitan máis socialismo”, “para evitar que o PP anule o futuro desta comarca, que está chea de talento, de xente emprendedora, de prosperidade e de oportunidades”.

No marco da estratexia de acción política marcada polos socialistas, celebraranse proximamente máis xuntanzas na Mariña para seguir analizando a situación da comarca, sobre todo no eido da sanidade pública, as infraestruturas e a industria.

Exit mobile version