Hoxe foron proclamados definitivamente os órganos de goberno destas entidades, con Daniel Formoso á fronte da federación da Coruña, Basilio Otero da de Lugo e José Manuel Rosas da de Pontevedra
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022. Os tres presidentes das federacións provinciais de confrarías de pescadores de Galicia renovaron o seu cargo tralas terceiras eleccións unificadas nos pósitos galegos. Neste proceso foron elixidos tamén os vicepresidentes primeiro e segundo e os membros do comité executivo, de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos. Ademais, foron designados os tres vogais de cada unha delas que representarán ás federacións provinciais no comité executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
Mañá, martes 20, é cando os representantes elixidos tomarán posesión dos seus cargos e nese momento abrirase o prazo para elixir aos órganos reitores da Federación Galega de Confrarías de Pescadores –o último paso deste proceso electoral unificado–, que serán proclamados o vindeiro 9 de xaneiro.
Estes comicios ás federacións provinciais son unha continuación dos iniciados coa elección dos 62 patróns e vicepatróns maiores noutras tantas confrarías de pescadores e amosan a madurez democrática do sector á hora de elixir aos seus representantes.