Os populares cren que “en lugar de criticar a opinión libre e democrática da veciñanza, o señor Llano e o seu goberno deben recapacitar sobre o que están facendo coa nosa vila”
O voceiro popular, Manuel Rouco, sinala que “no último pleno xa advertimos ao señor alcalde que calquera que goberne ou aspire a gobernar unha vila coma a nosa debe estar para traballar polos seus veciños e escoitar de fronte as súas necesidades e non poñerse de costas a eles. Nalgunhas ocasións loarán o seu proceder e noutras, criticarano; pero calquera das opcións van co cargo”.
É por iso que os populares non entenden que o responsable do goberno municipal “critique de forma desmesurada a opinión libre e democrática dos veciños e veciñas de Burela. O que debe facer o señor Llano e o seu goberno é recapacitar sobre o que están facendo coa nosa vila porque, sen dúbida, as palabras que pronunciou de forma desafortunada ao noso xuízo contra a asociación O Vencello son froito da súa incapacidade para reconducir a nosa vila”.
“A continua toma de decisións errática que leva a cabo dende o comezo deste último mandato ou a ausencia de decisións en momentos clave e puntuais que puideran marcar a diferenza para Burela son unicamente responsabilidade súa e do seu goberno. De ninguén máis”. Por iso Rouco incide en que “non pague as súas frustracións cos veciños e veciñas”.