Site icon Crónica3.com A Mariña

Obras de mellora na rúa da Capela, na Vila do Medio de Burela

Burela, 21 de decembro de 2022. O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, visitaron a rúa da Capela, na Vila do Medio. O investimento realizado na mellora dese viario ascendeu a 120.000 euros.

O rexedor declarou que “a xente de Burela pode ir visitar unha obra moi guapa que se fixo na Vila do Medio, concretamente na rúa da Capela. É unha actuación moi completa, moi singular e que lle dá un valor extraordinario a aquela zona. Realmente quedou perfecta e é un gusto pasar por esa rúa, onde se colocou o adoquinado, que quedou perfecto, e tamén se fixo unha renovación na rede de abastecemento de auga, substituíndo tanto acometidas como canalizacións, ademais dos separativos de augas residuais e pluviais. Isto era moi necesario e esperemos que vaia para moito tempo”.

Llano dixo que “nesta zona tan singular como é Vila do Medio, onde está a capela e tamén hai cuestións etnográficas, como unha serie de hórreos, nun deles vamos conveniar co seu dono para fortalecer esas visitas etnográficas a Vila do Medio para visualizar e gozar do que é un bo patrimonio de Burela, e sobre todo desa zona concreta. Así que animo a todo o mundo a que vaia ata alí e vexa con toda claridade a mellora total que se fixo nesta zona, que era moi merecida polos veciños e polas veciñas e ao mesmo tempo creo que lle dá unhas posibilidades urbanísticas e de convivencia maiores”.

O alcalde burelés engadiu: “fíxose un investimento duns 120.000 euros, que eu penso que foron moi ben empregados e que realmente cumpriron as expectativas que tíñamos para esa obra”.

Exit mobile version