O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliñou que “esta iniciativa chega, por segundo ano a Ribadeo para desfrutar do Nadal dun xeito diferente e tamén para animar as vendas e dinamizar o comercio local, precisamente nestes momentos de maior actividade”. RibaXogo enmárcase dentro da programación de Nadal deste 2022, que coorganizan o Concello e Acisa.
Vizoso dixo que “en RibaXogo haberá numerosas atraccións para nen@s e rapaces de todas as idades: haberá surf interactivo, rodeo e barre-roko, tren… haberá sempre seis actividades en marcha, algunhas serás fixas, é dicir estarán todos os días e outras irán cambiando. E contaremos con ludoteca na que se desenvolverán diferentes tipos de obradoiros”.
O edil ribadense indicou que “ao RibaXogo hai que sumarlle toda a programación de Nadal organizada polas Concellarías de Cultura, Deportes e Mocidade, entre outras. Neste caso as actividades para as máis pequenas e os máis pequenos arrincan este domingo pola tarde, coa visita da Apalpadora; teremos un ciclo de Cine no Nadal do 26 ao 29 de decembro; haberá actividades deportivas e xornadas lúdicas no pavillón; haberá teatro e tamén se celebrará a XXXII San Silvestre. Todo esta programación atoparase nas redes sociais do Concello, na web e iremos dándoa a coñecer pouco a pouco a través dos medios de comunicación”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, apuntou que “pola carpa do RibaXogo pasarán Papá Noel o 24 de decembro pola mañá e o Apalpador o 31 de decembro tamén pola mañá. Todas aquelas nenas e nenos que queiran velos, fotografarse con eles, conversar, etc… o único que teñen que facer é achegarse pola carpa de 12 a 14 horas eses dous días”.
Cruzado Iglesias subliñou que “queremos insistir tanto desde o Concello como desde Acisa que a entrada ao RibaXogo é de balde. O único que se debe presentar para acceder é o tícket que lles darán nas empresas, de calquera sector, que se adhiran a esta iniciativa. As asociadas e os asociados a Acisa Ribadeo súmanse na súa totalidade e logo as demais empresas o que teñen que facer é achegarse ata o 23 de decembro polas oficinas de Acisa en horario de 9:30 a 14:00 horas para recoller os tíckets, que despois distribuirán entre a súa clientela. E do 23 de decembro en adiante os tíckets estará á súa disposición na Área de Desenvolvemento Local do Concello no mesmo horario”.
O edil ribadense contou que “RibaXogo estará aberto todos os días desde o 23 deste mes ata o 8 de xaneiro, excepto o 25 de decembro, o 1 e o 6 de xaneiro. xaneiro. Unha das novidades deste ano é que o 8 de xaneiro faremos unha xornada de libre acceso, é dicir non fará falla presentar tícket”.
Pablo Vizoso subliñou que “RibaXogo é unha iniciativa coa que se pretende atraer a nenos e nenas, rapaces e rapazas de todas as idades porque hai diferentes atraccións e actividades que lles encantan desde os mais pequenos e tamén so que xa non son tan pequenos, tanto de Ribadeo como de toda a contorna. Por iso animamos á nosa veciñanza e tamén á doutros concellos tanto da Mariña como de Asturias, a que se acheguen á nosa vila durante o Nadal porque a oferta lúdica, de ocio e cultural que van atopar é moi interesante”.
A presidenta de Acisa engadiu que “outra vez máis a colaboración do Concello e Acisa, cada un dentro das súas posibilidades, volve poñerse de manifesto neste caso polo Nadal. O que queremos é facer de Ribadeo o centro destas entrañables festas para a Mariña de Lugo e o Occidente asturiano. Agardamos que RibaXogo sexa do agrado de todos os ribadenses e visitantes e que contribúa á dinamización do comercio, da hostalería e da totalidade do empresariado de Ribadeo”.
O RibaXogo foi presentado esta mañá a carón da carpa no que estará instalado.