Site icon Crónica3.com A Mariña

O saxo tenor José Pillado debutou este xoves no concerto ‘Aquí como en Viena’ da Banda Municipal de Música de Ribadeo

Ribadeo, 30 de decembro de 2022. O auditorio municipal Hernán Naval encheuse de público onte, xoves, para asistir ao concerto Aquí como en Viena da Banda Municipal de Música de Ribadeo, na que debutou o saxo tenor José Pillado mentres que o percusionista Daniel Antolín actuou como solista tocando o yunque.

O concerto estivo dividido en dúas partes e na primeira a Banda ribadense tocou a Suite Comercial Navideña, que inclúe fragmentos de anuncios típicos do Nadal, e outras pezas propias destas datas como All I want for Christmas is you, de Mariah Carey, e Feliz Navidad, de José Feliciano.

Interpretaron tamén La huelga de los músicos, tema no que os compoñentes da Banda empezaron a saír do escenario mentres ían tocando ata que ao final o director quedou só e os músicos foron para o patio de butacas a protestar con carteis e gritos; a broma seguiu cunha reunión para solucionar a situación e poder continuar co concerto. Ademais nesta primeira parte intepretaron I will survive.

Na segunda parte do concerto a Banda ribadense ofreceu Feuerfest, con Daniel Antolín Valea de solista tocando o yunque. Interpretaron tamén polcas e valses, maioritariamente de Strauss excepto The second waltz, que é de Shostakovich, e os bises foron Danubio Azul e Radetzky.

De parte da asociación Amadores da Música e dos compoñentes da Banda Municipal de Música de Ribadeo o director, David Ballester, desexou un feliz ano novo ao público.

Exit mobile version