O delegado territorial, Javier Arias, explicou que deu soporte a propostas socioculturais de concellos, asociacións, clubs deportivos ou empresas por toda a provincia
O Goberno galego investiu 1.340.000 euros nestas iniciativas, que mobilizaron un orzamento total de 3 millóns de euros. Arias afirmou que “foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia, e tiña como obxectivo implicar a todo tipo de colectivos e ao tecido social na difusión do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”.
O delegado fixo estas declaracións nun acto de balance celebrado hoxe na Oficina de Turismo da Xunta en Lugo e no que tamén participou a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira. No evento expuxéronse tres das actividades sufragadas este ano. Así, Teresa Astorgano referiuse á exposición sobre o traxe festivo tradicional da muller aldeá, organizada por El Progreso e Traxandaina; Ángel Trabada falou das mesas redondas con emprendedoras organizadas pola Asociación de Amigos do Camiño de Lugo; e Tito Díaz, director xeral do Breogán, sobre o baloncesto na rúa e o contacto cos afeccionados. Todas elas percorreron distintas localidades da provincia.
Neste sentido, Arias explicou que na edición deste ano tamén conformaron a programación entidades culturais como a Fundación Uxío Novoneyra, o colectivo Egeria ou a asociación Tanque de zinc; clubs deportivos como o Ensino ou o Sagrado Corazón; e organizacións como a Asociación Síndrome de Down ou a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo, entre outros. Entre todos articularon exposicións, actividades deportivas, actuacións musicais, conferencias, mesas redondas e, en definitiva, propostas para todas as idades.
En liñas xerais, O teu Xacobeo tivo unha distribución equilibrada por todo o territorio, con actuacións en máis do 70% dos concellos das catro provincias galegas, A porcentaxe de execución foi superior ao 90%, e no caso concreto da terceira edición de case o 100%.
Arias lembrou que se puxo en marcha no 2020 para reforzar a implicación da sociedade galega no Ano Santo que se aproximaba, e tivo unha extraordinaria acollida, que sumada á extensión do Xacobeo 21-22 fixo que se celebraran tres edicións en total. A irrupción da pandemia non impediu o seu desenvolvemento, que se adaptou apostando por formatos pequenos e pola dixitalización.