Os populares queren “que o responsable da política social da Deputación, o señor Rivera, máximo responsable destes incumprimentos, explique no pleno o porque dos retrasos”
Castiñeira explica: “Hai exemplos de todo tipo, como o de Becerreá, onde está feita a residencia pero está sen abrir porque non se instalou o transformador ou non se equipou a cociña ou porque, probablemente, hai problemas entre o alcalde e o presidente da Deputación. Tamén hai problemas en Guitiriz, onde se tirou a Casa da Botica e se parou a obra, que leva parada practicamente un ano. Problemas igualmente en Portomarín, onde as empresas construtoras, dúas, renunciaron a facer a obra e agora parece que se quere cambiar o proxecto”.
Os populares destacan que “nos casos do Courel e Ferreira de Pantón única e exclusivamente hai trámites administrativo feitos e hai promesas incumpridas por parte do señor Rivera”. Engaden que non se avanzou nada nin en Ourol nin en Cervantes, onde non se sabe aínda onde se vai construír a residencia. En Pobra do Brollón anunciouse a bombo e prato o inicio das obras, incluso se colocaron os carteis, e a empresa acaba de renunciar a construír a residencia. “En A Pontenova, a obra apenas avanza, a pesar de que é a residencia do pobo do anterior presidente da Deputación e en catro anos non se moveu practicamente un ladrillo”.
Castiñeira declara: “A xestión é absolutamente nefasta para a construción de novas residencias. É algo que xa temiamos no ano 2019, cando levamos un pleno extraordinario escoitando as intencións do equipo de goberno. Ao final, esas intencións leváronas a cabo; o obxectivo e retrasar moitas delas”.
O portavoz di: “O único que fixo este equipo de goberno foi abrir as residencias que fixo Suplusa; con Suplusa, facíanse máis rápido, pero, co actual goberno da Deputación, ou teñen atrasos ou non se están a facer. E iso é o que queremos que nos explique o señor Rivera no próximo pleno”.