Eugenia Requeijo lembra que tiveron que loitar en vía xudicial para que o alcalde rectificase a súa decisión no pleno de outubro do 2021 de repetir a votación
No seu momento, os populares decidiron presentar recurso de reposición fronte á decisión do alcalde de repetir a votación. O goberno local non admitiu o recurso, dado que, segundo el, presentouse fóra de prazo. Os populares decidiron entón acudir á vía contenciosa e, durante o proceso, o goberno local, consciente de que non podía gañar, decidiu allanarse e a resolución xudicial foi favorable ao PP. A resolución emitida polo xuíz foi a seguinte: “Debo estimar y estimo el recurso contencioso-administrativo interpuesto por doña María Eugenia Requeijo Chao, frente al Concello de Muras y declaro no ajustada a derecho y nula la inadmisión deI recurso interpuesto reflejado en el acuerdo impugnado”.
O martes pasado celebrou sesión extraordinaria a corporación de Muras. Un dos asuntos a tratar era a moción popular sobre o lobo. Os acordos adoptados foron, por un lado, en función da indicada resolución xudicial, “estimar o recurso de reposición interposto por dona María Eugenia Requeijo Chao, e en consecuencia considerar válida a primeira votación da moción presentada polo Partido Popular contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial, debatida na sesión plenaria do 27.10.2021, cuxa votación obtivo o seguinte resultado: 3 votos a favor do PP, 1 voto en contra do PSdeG-PSOE e 3 abstencións do BNG”. Como consecuencia deste acordo, “considerar aprobada pola maioría da corporación a moción referenciada e considerar revogada a repetición da votación da devandita moción, cuxo resultado rexeitaba a súa aprobación”.