Eugenia Requeijo lembra que tiveron que loitar en vía xudicial para que o alcalde rectificase a súa decisión no pleno de outubro do 2021 de repetir a votación
Muras, 14 de decembro do 2022. O PP de Muras tivo que acudir ao xulgado para que o alcalde rectificase e recoñecese como válida a primeira votación, no pleno de outubro do 2021, e saíse adiante a moción popular contra o incremento da protección do lobo. Hai que lembrar que no pleno no que hai máis dun ano se debateu a indicada moción o BNG abstívose e o PSOE votou en contra. O alcalde deuse conta de que, deste xeito, gañaba a votación o PP, decidiu que se volvera a votar, e esta vez dous concelleiros do Bloque fixérono en contra (un abstívose), igual que o PSOE, polo que a moción foi rexeitada. Para a portavoz popular, Eugenia Requeijo, que prosperase esta moción é importante nun concello no que “todo o mundo ten gando” e coñece ben os problemas que ocasionan os lobos. Requeijo destacou que “pelexamos ata o final para que se fixera xustiza e finalmente conseguimos que se aprobara a nosa moción grazas á resolución xudicial”.
No seu momento, os populares decidiron presentar recurso de reposición fronte á decisión do alcalde de repetir a votación. O goberno local non admitiu o recurso, dado que, segundo el, presentouse fóra de prazo. Os populares decidiron entón acudir á vía contenciosa e, durante o proceso, o goberno local, consciente de que non podía gañar, decidiu allanarse e a resolución xudicial foi favorable ao PP. A resolución emitida polo xuíz foi a seguinte: “Debo estimar y estimo el recurso contencioso-administrativo interpuesto por doña María Eugenia Requeijo Chao, frente al Concello de Muras y declaro no ajustada a derecho y nula la inadmisión deI recurso interpuesto reflejado en el acuerdo impugnado”.
O martes pasado celebrou sesión extraordinaria a corporación de Muras. Un dos asuntos a tratar era a moción popular sobre o lobo. Os acordos adoptados foron, por un lado, en función da indicada resolución xudicial, “estimar o recurso de reposición interposto por dona María Eugenia Requeijo Chao, e en consecuencia considerar válida a primeira votación da moción presentada polo Partido Popular contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial, debatida na sesión plenaria do 27.10.2021, cuxa votación obtivo o seguinte resultado: 3 votos a favor do PP, 1 voto en contra do PSdeG-PSOE e 3 abstencións do BNG”. Como consecuencia deste acordo, “considerar aprobada pola maioría da corporación a moción referenciada e considerar revogada a repetición da votación da devandita moción, cuxo resultado rexeitaba a súa aprobación”.