No PP ven confirmado “por parte dos responsables da concesionaria que Cajoto os leva enganando dous anos, de que o Concello non accedeu a solucionar o desequilibrio económico ocasionada pola covid e a crise causada pola guerra de Ucraína, e isto delata a actitude pasiva do alcalde”
Foz, 22 de decembro de 2022. O grupo municipal do PP ten moi clara a folla de ruta para sacar á residencia da terceira idade de Foz do conflito na que a meteu a mala xestión do alcalde, Fran Cajoto (PSOE). Os populares expuxeron ao goberno a solución ao problema, pero socialistas e nacionalistas non queren escoitar nada que non responda aos seus intereses electorais. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No pleno de onte, o PP de Foz presentou a súa folla de ruta para intentar reconducir a situación da residencia da terceira idade creada pola inoperancia do goberno municipal. O PP presentou unha emenda para substituír os acordos inmobilistas que propoñía o goberno de Cajoto por unha solución posible e real a este conflito. A solución non pode pasar por obrigar á concesionaria a seguir en contra da súa vontade; sería un risco enorme para o propio servicio”.
Castiñeira explica cal é a solución ao problema: “A solución pasa, por un lado, por renovar o convenio de cesión do edificio co Consorcio para que siga sendo municipal outros catro anos; segundo, sacar a licitación inmediatamente o novo concurso, como leva pedindo o PP varios anos. Xa o tiña que haber convocado hai catro meses, para que non pasara o que está a pasar, porque o 16 de xaneiro remata a concesión con esta empresa e non hai substituta, porque non quixo o alcalde. Por outro lado, hai que tratar de solucionar o problema coa actual empresa, intentar reconducir a situación polo menos ata que teñamos un novo concesionario. Iso é o que pediu o PP e o que entendemos que vai ter que facer o señor Cajoto se non quere chegar a maiores problemas”.
PSOE e BNG negáronse a aceptar a proposta do PP e, segundo sinala Castiñeira, “seguen lavándose as mans e botando a culpa a todos os que demos solución aos problemas doa residencia, fixemos unha transición perfecta; a eles tocáballes renovar ese proceso e, de momento, non o queren facer”.
Castiñeira di que agora produciuse “a confirmación por parte dos responsables da concesionaria de que Cajoto os leva enganando dous anos, de que o Concello non accedeu a solucionar o desequilibrio económico ocasionada pola covid e a crise causada pola guerra de Ucraína; isto delata a actitude pasiva do alcalde, que pretende ter unha residencia municipal, nos momento complexos que estamos vivindo, sen poñer nin un peso”. Asegura que “en ningún caso, en ningún concello, pasou isto”.
Castiñeira declara: “O PP volveu recordar onte a Cajoto que o que funciona ben non hai porque cambialo. A única forma de garantir que os residentes e os traballadores permanezan en Foz e seguir como estabamos; sendo unha residencia municipal. O resto son intereses privados, electoralistas, do señor Cajoto e dos seus socios do BNG, que o único que queren e manter discrepancias coa Xunta de Galicia, aínda que sexa a costa dun servizo tan serio e importante como é o da residencia, que puxo a funcionar o Partido Popular de Foz”.