Castiñeira di que “Tragsa úsase para tapar furados onde os socialistas teñen problemas na xestión ou en áreas nas que son ineficaces como é a limpeza de edificios públicos, incluso o SAF nalgún concello e mesmo un contrato maior, por máis dun millón de euros, para proxectos na reserva da biosfera”
Os populares cren que é un asunto “grave” e “dunha absoluta falta de transparencia”. Castiñeira explica: “O máis claro exemplo é unha vez máis o contrato de mantemento de xardíns, que acaba de ser prorrogado hai poucos días en xunta de goberno: 850.000 euros ao ano. É un servicio que custaba moito menos cando o facía Suplusa, pero o grave é que ademais séguense contratando empresas externas para facer traballos que antes facían os traballadores de Suplusa, como é a limpeza do polígono de Begonte. Tragsa usa aqueles traballadores en encargos que non teñen nada que ver co que facían antes, incluso achegándose a concellos para tarefas que non son propias de áreas da Deputación de Lugo”.
O portavoz popular sinala: “Esta é a realidade dun contrato do que consideramos que se fai un uso desmedido; Tragsa estase usando para tapar furados onde os socialistas teñen problemas na xestión ou en áreas nas que son ineficaces como é a limpeza de edificios públicos, incluso o SAF nalgún concello e mesmo un contrato maior, por máis dun millón de euros, para proxectos na reserva da biosfera”.
Castiñeira denuncia que “a Deputación de Lugo deixa de lado ás empresas lucenses e vólcase en Tragsa porque lle resulta moito máis sinxelo e é moito menos transparente”. Engade: “Esa é a dinámica que quere denunciar o PP e lembrar eses máis de tres millóns de euros en encargos da Deputación neste ano simplemente por haber comprado unha acción no 2020 por 8.225 euros”.