O portavoz do PP, Óscar Rodríguez, di que o retraso en aprobar o orzamento prexudica os intereses dos veciños e demostra a despreocupación de Loureiro e do seu equipo
Óscar Rodríguez sinala: “Á vista do que viña ocorrendo, moito nos temiamos os populares que tampouco este ano, por máis compromiso que adquirira a alcaldesa, debateriamos e aprobariamos o orzamento municipal antes de rematar o ano, de maneira que entrara en aplicación nos primeiros días do novo exercicio económico”.
O portavoz popular tamén di: “Esta maneira de actuar da alcaldesa, lonxe de ser unha divertida inocentada é unha mostra máis do déficit de xestión á fronte do Concello. Non dá igual cando se aprobe o orzamento. Non dá igual porque os veciños de Viveiro, que pagan relixiosamente os seus impostos, teñen dereito a que o goberno se mostre dilixente no cumprimento das súas obrigas, teña a punto en tempo e forma o documento máis importante de cada ano, que é o orzamento, e empece a executalo ao comezo do ano”.
Para os populares, non aprobar o orzamento municipal para o 2023 antes de que remate o 2022 é unha demostración da desidia coa que opera o goberno municipal. O portavoz popular di: “Como pode ser, preguntámonos no PP, que tendo todo o tempo do mundo non teñan preparado o proxecto orzamentario para debatelo e aprobalo antes de que remate o ano, de maneira que se poida empezar a executar en xaneiro. É lamentable o feito en si mesmo e lamentable é tamén que a alcaldesa incumpra os compromisos que adquire, que, por outro lado, non é máis que cumprir coas súas obrigas”.