Site icon Crónica3.com A Mariña

O portal Ribadeo Emprego suma xa 313 demandantes e 58 ofertas publicadas

Ribadeo, 29 de decembro de 2022. O portal do Concello Ribadeo Emprego suma xa 313 demandantes e 58 ofertas publicadas, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil contou que “este portal de emprego municipal que a Área de Desenvolvemento Local puxo en marcha no mes de marzo deste ano recibiu unha boa acollida e presentou un incremento paulatino de persoas usuarias rexistradas e de ofertas de emprego publicadas”.

Vizoso Galdo subliñou que “a día de hoxe o número de ofertas de emprego difundidas a través da plataforma ascende a 58, a maioría para a municipio de Ribadeo, pero tamén para outras localidades da comarca da Mariña. Entre as ofertas publicadas destacan postos de condutores, de monitores de tempo libre, mozxs de carga e descarga, tamén hixienista dental, auxiliar de clínica, persoal para obras de restauración ambiental e persoal de limpeza”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local fixo que “neste servizo de intermediación laboral, as empresas poden ofertar os seus postos de traballo de forma totalmente gratuíta e acceder aos perfís das persoas inscritas neles, facilitando así a selección de candidaturas”.

Pablo Vizoso explicou que “actualmente, a cifra de demandantes inscritos na plataforma elévase a 313. Os/as candidatos/as do Portal de Emprego poden postular ás ofertas de traballo publicadas que se adapten mellor ao seu obxectivo profesional e consultar as novas máis relevantes sobre formación e emprego”.

E engadiu que “as inscricións, tanto para demandantes como para empresas ofertantes, deben realizarse de forma online, a través da plataforma web: https://portalemprego.ribadeo.gal/. Para realizar calquera consulta sobre as altas ou funcionamento do Portal de Emprego, as persoas interesadas tamén poden dirixirse ao Servizo de Orientación Laboral do Concello”.

Exit mobile version