O Valadouro, 18 de decembro, 2022. Beatriz Estévez, membro da Executiva Nacional foi a encargada da presentación do acto público, celebrado na Casa de Cultura Manuel Lourenzo, ao que asistiron veciños e veciñas do Valadouro así como varios membros da Agrupación Local como Maite Grandío, que participou na mesa de poñentes.
O Presidente do PG Xosé Mosquera, repasou dous dos eixes políticos que definen ao PG. O galeguismo inspirado nos políticos devanceiros do século 20 como Risco, Pedraio, Bóveda ou Castelao; e o rural, lembrando que todos os partidos falan do rural non por propio sentimento, como se fora unha moda. O rural está abandonado de políticas que realmente o relancen e resolvan problemas como as telecomunicacións, a sanidade, unha política de prezos xustos, así como políticas de asentamento poboacional. Asegurou que o PG ten como unha das súas metas servir de nexo de entendemento entre os diferentes grupos municipais, traballando dun xeito diferente para que a política sexa útil realmente.
A continuación o Coordinador Xeral Suso Ares, destacou a necesaria implantación do Partido Galego nos concellos para devolver a ilusión a xente por participar en política, para deixar de lado broncas, insultos e incluso ameazas entre líderes dos diferentes partidos e facer da política un servizo vocacional, cargado de valores éticos e buscando a participación da veciñanza. Ademais mencionou o terceiro eixe que define o PG que é o medio ambiente, sobre o cal residen todas as políticas de progreso e sostibilidade económica. Finalmente fixo un chamamento a todos os grupos municipais independentes para sumarse ao PG, xa que segundo explicou “so dende a unidade do galeguismo se poden facer políticas transformadoras, tanto nas Deputacións, coma na Xunta ou noutros ámbitos”.
Pechou o acto o Secretario Local Henri Geada, que expuxo unha serie de problemáticas que serán o punto de partida para a elaboración dun programa electoral ambicioso para O Valadouro. Indicou así mesmo que “traballaremos por unha candidatura electoral representativa e sobre todo que pretende introducir no concello unha nova forma de facer política útil, propoñendo solucións, bo entendemento e buscando a centralidade no Valadouro”.
O primeiro punto a ter en conta será a aprobación dun novo PXOM, xa que actualmente cóntase cunhas normas urbanísticas de máis de 20 anos de antigüidade que non permiten acadar as potencialidades do concello, nin o desenvolvemento urbanístico das aldeas, nin a planificacións das terras para distintos usos, nin a concentración ou planificación de servizos.
O segundo punto é a problemática derivada da despoboación do concello, que precisa dunha política de valoración dos sectores produtivos, dun viveiro de empresas tractoras baseadas na produción de ciclo pechado no concello e na economía circular.
O terceiro punto sería o desenvolvemento dun Plan de Viabilidade Económica, partindo da análise da eficiencia dos servizos municipais, tendo en conta as opcións de mancomunar os que sexan posibles e analizando tamén a adaptación dos inmobles, tanto no relativo á súa sustentabilidade, como no relativo á súa demanda, para que sigan sendo útiles á veciñanza.