Isabel Rodríguez destacou que esta axuda “enmárcase nas políticas que está a executar o Goberno como escudo social para paliar a inflación e protexer aos cidadáns, familias e colectivos que máis o necesitan”
Lugo, 29 de decembro de 2022.- A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe que o Ingreso Mínimo Vital (IMV) chegou este mes de decembro a 3.669 fogares na provincia de Lugo con 9.804 persoas, das que 5.567 son adultos e 4.237, menores. Así, o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social abónalles este mes un total de 1.472.516,04 euros. Son os datos analizados esta mañá pola subdelegada co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, durante unha reunión de traballo celebrada na Subdelegación do Goberno.
Tal e como explicou Isabel Rodríguez o dereito a percibir o Ingreso Mínimo Vital, aprobado polo Goberno en maio de 2020, incrementado nun 15% en xuño deste ano e prorrogado para o 2023, contempla as situacións das unidades familiares en situación de vulnerabilidade económica, por iso o recoñecemento dun IMV pode beneficiar a varias persoas residentes nun mesmo fogar.
A subdelegada lembrou que o Ingreso Mínimo Vital ten como beneficiarias aquelas persoas de entre 18 e 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica. En función das circunstancias concretas de cada fogar garántense uns ingresos de entre 6.783,36 e 14.924 euros ao ano (entre 565,28 e 1.243,74 euros ao mes). Ademais, está acompañado por un itinerario de inserción laboral.
Isabel Rodríguez salientou que un dos maiores avances sociais acadados en España nos últimos anos é a creación desta prestación do Executivo dirixida á prevención do risco de pobreza e exclusión social. “Esta axuda enmárcase nas políticas que está a executar o Goberno como escudo social para paliar a inflación e protexer aos cidadáns, familias e colectivos que máis o necesitan”, engadiu.
Así, puxo en valor o último paquete de medidas aprobado polo Consello de Ministros esta mesma semana co que rebaixa o IVE do 4 ao 0% aos alimentos de primeira necesidade, acorda unha axuda de 200 euros para as familias con rendas de ata 27.000 euros, prolonga a rebaixa dos impostos de electricidade e gas, e establece unha liña de axudas directas de 660 millóns aos agricultores en compensación polo aumento do prezo dos fertilizantes e do gasóleo agrícola e pesqueiro.
“O Goberno de Pedro Sánchez cumpre co prometido e demostra con feitos o seu compromiso na defensa das clases medias e traballadores e co tecido produtivo da nosa provincia”, remarcou a subdelegada.