Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta garantías para a ampliación da balsa de lodos de Alcoa en Morás con “seguridade e cautela”

Patricia Otero pídelle ao goberno galego que “non abandonen” unha actuación “fundamental” para a continuidade de Alcoa dentro de dous anos

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022. A parlamentaria socialista Patricia Otero reclamoulle hoxe á Xunta que desenvolva coas máximas garantías o proxecto de ampliación da balsa de lodos vermellos de Alcoa en Morás, que resulta “fundamental” para “darlle continuidade á vida da factoría”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que dera conta da tramitación do proxecto..

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego “seguridade” e “cautela” coa ampliación, pero sinalou que “non abandonen” unha actuación da que depende a continuidade da planta máis aló dos dous anos que a balsa de lodos actual ten de vida útil. Salientou que o proxecto “debe ser analizado con tódalas garantías” para que poida continuar tendo en conta a seguridade dos veciños e os impactos e riscos medioambientais.

Sinala que a balsa de lodos vermellos constitúe unha infraestrutura “necesaria para que a planta de alúmina poida seguir funcionando”, e reclamoulle ao goberno galego que presente os plans e a cronoloxía coa que traballa para responder deste proxecto de ampliación presentado pola empresa.

Si que lle pediu ao goberno galego que responda da urxencia que precisa a tramitación dos parques eólicos ligados á factoría, que “xa van tarde” logo de que “ata o pasado mes de novembro non se acordaran de darlle o pulo” a unhas instalacións fundamentais para formalizar as PPAs -Power Purchase Agreement- e garantir o subministro de enerxía da. Criticou que o goberno galego non fora quen de declarar os proxectos prioritarios ata novembro, “e agora éntranlles as presas”.

Exit mobile version