Compostela, 16 de decembro de 2022. A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, lamentou hoxe que o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, volvera demostrar, nunha carta remitida a este grupo parlamentario, “a súa ofuscación no erro e eiva para o sector que supuxo a aprobación do novo regulamento que prohibe as artes de fondo, amosando unha clara diverxencia entre a opinión do comisario e a realidade da Europa pesqueira”.
En resposta á carta remitida a principios do pasado mes de outubro, o comisario Sinkevičius afirma que “estamos iniciando un proceso” e que “unha vez que se teña emitido un novo ditame científico, solicitaremos o ditame do Comité Científico, Técnico e Económico de Pesca”. “A realidade é que a decisión da Comisión Europea non inicia un proceso, senón que culmínao e leva por diante a frota de artes de fondo”, sinalou Egerique.
QUE PROSPERE A ACCIÓN XUDICIAL
Neste sentido, a portavoz popular critica que “a Comisión Europea vai facer agora o que tiña que ter feito antes, corrixindo o camiño que andiveron pero, lamentablemente, xa é demasiado tarde”. “Que fagan propósito de emenda e inicien a revisión desta situación, xusto o día que remata o prazo para interpoñer o recurso por parte do sector, evidencia mala fe e pouca empatía con quen traballa duramente no mar para saír adiante cada día”, indicou Teresa Egerique, quen lamentou que “non podemos esperar menos dun comisario verde ás ordes dun vicepresidente socialista da Comisión”, polo que “agardamos que prospere a acción xudicial e se tombe este desastre administrativo e normativo”.
Na carta recibida hoxe, o comisario europeo afirma que houbo “unha serie de reunións cos Estados membros, os consellos consultivos e as partes interesadas, aos que se informou de todos os aspectos técnicos relacionados co ditame científico en que se basea o acto de execución”. “Algo que non é real porque so se tivo acceso a coñecer as zonas prohibidas cando xa estaba en marcha o proceso de aprobación”, replicou Teresa Egerique
“Pero é que, ademais, non pode dicir que o acto de execución baséase nun ditame científico que ten en conta a actividade pesqueira, porque os propios científicos recoñecen que carecían de datos dalgunhas artes de pesca e cando a evidencia é que dana de forma dura a arte con menor, ou nulo, impacto sobre o fondo”, indicou a portavoz popular.
Por último, Egerique manifesta que o comisario “recoñece que ten un novo conxunto de datos que antes non tiña, polo que demostra que ou ben fallou a comisión ou os estados, pero o resultado é que a decisión adoptouse mal e os únicos que o están a pagar son os profesionais do sector pesqueiro”.