Ribadeo, 1 de decembro, 2022. Dentro dun ambiente de absoluta camaradería, a Asociación de Irmandade Ribadeo-Loctudy acordou, en reunión celebrada este mércores, as datas a propoñer para a súa visita a Loctudy en 2023. A saída prevese para a tarde-noite do 29 de xuño, e o regreso para o xoves 6 de xullo. Deste xeito quedarían cinco días completos para a estancia coas familias de acollida e para o desfrute das numerosas visitas e actividades que a súa asociación xa está comezando a planificar.
Na reunión comentáronse as manifestacións recibidas da asociación de Loctudy en canto ás ganas e ao interese en recuperar os intercambios despois do parón motivado pola Covid-19, e en concreto, en recibirnos neste vindeiro ano.
A nosa asociación convida a informarse ás persoas que poidan ter algún tipo de interese en participar da actividade, enviando mensaxe ao correo irmandade.ribadeo@gmail.com ou mediante WhatssApp ao 629 47 52 99.