Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello fai un balance positivo do Mercado do Nadal e da ponte festiva en Ribadeo

Ribadeo, 12 de decembro de 2022. O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, fai un balance positivo do XIX Mercado do Nadal, que se celebrou en Ribadeo do 7 ao 11 de decembro no parque de San Francisco.

O edil ribadense contou que “na zona do parque de San Francisco pechou onte a XIX Edición do Mercado do Nadal de Ribadeo con moi boa afluencia de público e un programa de actividades sociais e culturais moi variado. Un total de vintecinco participantes ofreceron dende os seus postos produtos de gastronomía e outros obxectos artesanais”.

Vizoso contou que “o mercado que tivo lugar entre os días 7 e 11 de decembro foi visitado por unha multitude de persoas, tanto visitantes como veciños e veciñas da contorna, que tiveron a oportunidade de mercar agasallos feitos a man e gozar das actividades e animación que acompañaron a este bonito Mercado do Nadal, xa tradicional na Mariña. Algunhas das actividades programadas celebráronse na carpa que está instalada no parque de San Francisco para garantir que se puidesen levar a cabo e que a xente as puidese disfrutar a cuberto”.

Para o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo “o Mercado de Nadal estivo moi ben, con moita xente e moita participación. Foi un punto de encontro importante para que a xente se achegase a Ribadeo e non soamente ao Mercado, que tamén, senón que puidese facer parte das súas compras, ou iniciar as súas compras de Nadal no comercio local. Este mercado, antesala das festas mais especiais do ano, tamén deu paso ao acendido das luces de Nadal”.

Pablo Vizoso engadiu que “ao mesmo tempo o comercio local de Ribadeo séguese caracterizando por algo moi particular e moi noso como é a Pancha, a nosa moeda local. A descarga de panchas para pagar con elas nos establecementos participantes funciona a moi bo ritmo e animo a quen aínda non o fixo a descargalas e disfrutar dos importantes descontos que supón para quen compra no comercio de Ribadeo”.

Exit mobile version