Viveiro, 8 de decembro de 2022. O Concello de Viveiro, continuando na liña de traballo pola inclusión que mantén durante todo o ano, promove unhas xornadas de convivencia entre o Centro Comercial Histórico de Viveiro e a asociación Aspanane co nome de ‘O Comercio inclúe’.
Co gallo da celebración do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, o grupo de goberno impulsa esta iniciativa, que incluirá a persoas con diversidade funcional en diferentes establecementos da vila co obxectivo de que teñan a experiencia de traballar nos diferentes eidos do comercio de Viveiro, normalizando o consumidor a súa presenza detrás do mostrador ou en diferentes postos de traballo.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que “temos un compromiso claro coa inclusión, unha prioridade de goberno para nós, e está iniciativa é un paso máis dentro do camiño iniciado co programa ‘Viveiro Inclúe’”.
“É unha maneira de dar visibilidade pero tamén é unha maneira de ofrecerlles a oportunidade de coñecer de primeira man o que é traballar fora do centro ocupacional”, subliña pola súa parte Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura e Muller.
“Agardamos que sexan unhas xornadas enriquecedoras para todos, e agradecemos como sempre a implicación de Aspanane en todas as nosas propostas así como a colaboración do Centro Comercial Histórico de Viveiro e dos establecementos que son pioneiros neste evento. Esperamos que a iniciativa creza e se repita noutras épocas do ano e, por que non, xurdan novas colaboracións ou mesmo algún posto de traballo para os usuarios ou usuarias de Aspanane”, engade a concelleira.
Dende o Centro Comercial Histórico de Viveiro tamén apostan porque o sector comercial e de servizos da vila sexan lugares de inclusión e agradecen ao Concello e a Aspanane o seu “grandísimo traballo” neste eido, así como ós seus asociados o feito de sumarse á iniciativa.
“Debemos sensibilizarnos con este tema para que as persoas con algún tipo de diversidade funcional se sentan a gusto nos nosos negocios. Coñecelos dende dentro, como se traballa, como se atende ó publico, e como se xestionan distintos negocios é un paso máis para facer un comercio máis inclusivo”, defende Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro.