Durante a visita, coincidindo ademais co Día Internacional da Cobertura Sanitaria Universal, a rexedora entregoulles as 120 sinaturas recollidas nos últimos días para reclamar que se cubran as prazas de pediatría do centro de saúde da vila.
Estas firmas súmanse ás sinaturas recollidas na concentración en defensa do servizo de pediatría, que se convocou o pasado mes de novembro. Tras esta concentración, apoiada por centos de veciños e veciñas da vila, o Concello de Viveiro habilitou unha mesa informativa na que recoller máis firmas para reclamar unha sanidade pública de calidade.
“O centro de saúde de Viveiro ten asignadas dúas prazas de pediatría, pero hoxe por exemplo non hai ningún especialista que poida atender aos 1.600 nenos e nenas dos concellos de Viveiro, Ourol e Vicedo, que dependen deste ambulatorio”, reclama a alcaldesa, quen recorda que no centro de saúde tampouco están cubertas todas as prazas de medicina de familia.
“Seguiremos defendendo a nosa sanidade pública e denunciando a falta de pediatras. Unha situación que dificulta máis os catarros, gripes e outros virus habituais nos cativos e cativas nesta época do ano”, finaliza Loureiro.