Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro abre o prazo para participar como figurante na Cabalgata de Reis

Viveiro, 19 de decembro de 2022. A Concellería de Cultura do Concello de Viveiro convoca aos veciños e ás veciñas co obxectivo de regular a súa participación como ‘figurantes’ na Cabalgata de Reis o xoves día 5 de xaneiro.

A inscrición está aberta a todos os nenos e nenas que, na data 1 de xaneiro de 2023, teñan unha idade comprendida entre os 6 e os 12 anos. O total de prazas para ir nas carroza é de 40 nenos e nenas.

O inscrición poderase formalizar nos días 26, 27 e 28 de decembro de 9:00 a 14:00 horas.
A folla de inscrición facilitarase no Teatro Pastor Díaz ou pódese solicitar tamén por correo electrónico no: rbg.cultura@viveiro.es.

Os datos que se deben facilitar son: nome, apelidos e data de nacemento do neno ou nena; nome e apelidos da nai, pai ou representante legal do/a menor, e autorización da participación na cabalgata; teléfonos de contacto; correo electrónico; talla; e unha autorización de uso da imaxe.

A folla cuberta entregarase no teatro Pastor Díaz e a recollida realizarase por orde de recepción das solicitudes debidamente cubertas. Se lles asignará correlativamente a cada unha delas o seu número correspondente, pois a concesión das 40 prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.

Unha vez finalizada a adxudicación, comunicaráselles ás persoas interesadas a súa situación na Cabalgata, así como a información necesaria para que participen nela como o lugar, horario de presentación e horario e forma de recollida ó finalizar.

Unha vez cubertas as prazas dispoñibles, crearase unha listaxe de agarda para cubrir as baixas ou as novas necesidades.

Ademais, dende o Concello se pide que se unha persoa das admitidas, por razóns persoais, non puidera participar na Cabalgata, o comunique ao concello con anterioridade ao día 4 de xaneiro para que a súa baixa poida ser substituída.

Exit mobile version