O BNG aposta por un plan para blindar á sanidade pública fronte a regresión dos recortes: máis especialistas nos PACs, ofertas laborais con condicións dignas, novas categorías profesionais e unha partida específica nos orzamentos
Santiago de Compostela, 1 de decembro 2022. O BNG denunciou no Parlamento a situación de colapso da sanidade pública galega e seu deterioro promovido polos recortes do Partido Popular. En concreto, recriminou a situación da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés, con centros de Atención Primaria sen médicos, co persoal baixo mínimos e en risco de peche por mor da reorganización anunciada pola Consellería de Sanidade.
“Hai 20 anos, por mor da catástrofe do Prestige, o pobo galego autoorganizouse, asistiu atónito á actuación do PP na Xunta e no goberno español, e berrou alto e claro Nunca Máis, hoxe Galiza estase convertendo nun clamor que lles está dicindo de novo Nunca Máis a tanta mentira e tanta manipulación”, declarou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado. Recriminou á Consellería de Sanidade a súa política de “negación da realidade, onde só poñen escusas” que ten como resultado “centros de saúde sen os profesionais precisos, aumento do risco pola desatención, PAC sen médicos e crianzas sen pediatras”, criticou.
Prado acusou aos Populares de “ineficacia” porque “non teñen capacidade de solucionar nada, suben a esta tribuna a dicir que hai un problema e que o ten que solucionar Madrid”. Aproveitou, ademais, para evidenciar a política dun Partido Popular “que lle baixa os impostos aos ricos mentres recorta a sanidade pública están no goberno para actuar en servizo dos de arriba”. Un tipo de política sanitaria que, resumiu, “quere cambiar a tarxeta sanitaria pola tarxeta bancaria”. Unha estratexia de recortes, explicou, que está a provocar o aumento do gasto na sanidade privada, nunha comunidade segunda pola cola en investimento en Atención Primaria, e a cuarta en investimento en persoal”, reprobou.
Unha política alternativa que blinde o dereito á sanidade
A portavoz de Sanidade defendeu o modelo de sanidade pública do BNG fronte ao retroceso do modelo conservador “no que agora din que queren reorganizar os centros, e iso xa sabemos o que significa, deixar a Cuntis, Moraña ou Portas sen pediatra”. Emprazou ao PP a presentar un plan específico para solucionar a situación de “colapso” da área sanitaria Pontevedra – O Salnés, das máis afectadas polos recortes; a garantir que os PACs presten unha atención completa con persoal facultativo, enfermeiro e celador; un plan inmediato para reter o talento formado en Galiza, con condicións laborais dignas e unha ampliación das especialidades como psicoloxía clínica, logopedia ou nutrición.
A parlamentaria do Bloque tamén esixiu ao Goberno do PP a posta en marcha dun rexistro específico de profesionais e de prazas que axude a identificar a situación e, tamén, a presentar un informe que contemple as xubilacións en enfermería e medicina entre 2013 e 2022, o número de prazas cubertas nese período e prazas MIR convocadas e adxudicadas no mesmo.
Prado defendeu este modelo alternativo “que evitaría que a cidadanía teña que acudir a Urxencias, evitando hospitalizacións e cronificacións de enfermidades”. Propostas que foron votadas en contra polo PP, ante o que Prado acusou de querer “asistencia de calidade só para quen a queira pagar, e iso non o imos consentir”.