Nesta campaña que se desenvolve en todas as localidades da comarca e do país, os nacionalistas defenden un novo modelo produtivo e comercial, apostando polo consumo de produtos galegos, que debe ser unha prioridade na política económica e de comercializacion, fuxindo dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas comerciais de capital foráneo.
O noso é sinónimo de calidade
“O sustentábel, o ecolóxico, o que de verdade xera riqueza e emprego aquí, o que mantén vivas e dinámicas as nosas cidades e vilas, é a producción propia, galega, a da nosa comarca e tamén as tendas e negocios do comercio de proximidade” manifestou Daniel Castro. O portavoz municipal Eloi Cabanas fixo referencia á importancia do comercio de Mondoñedo na economía local, asegurando que “o futuro pasa por darlle máis valor ao local, ao noso, que é sinónimo de calidade, coñecemento, desenvolvemento e identidade, e en Mondoñedo e na comarca temos un comercio e uns produtos de primeira”.
Propostas para potenciar o comercio local
Desde o Bng formulan varias propostas factibles para salvagardar o comercio e a economía locais, que son, entre outras, as seguintes: incentivar a compra de produtos locais e galegos, recuperación dos mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais, promocionar a producción alternativa e ecolóxica, establecemento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade, ou promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.