“Falamos dun sector clave para o reequilibrio territorial e para reverter as tendencias negativas que lastran o medio rural”, destaca Pontón
Santiago de Compostela, 22 de Decembro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, abordou co padroado da Fundación Arume, presidido por José Carballo, o enorme potencial do monte galego tanto desde o punto de vista económico como de preservación do medio ambiente e para contribuír a un rural vivo.
“Temos un enorme potencial no noso monte, unha gran capacidade no ámbito forestal cunha importante aportación á economía porque a produción forestal representa o 8,1% do PIB, 3.800 empresas e máis de 24.000 postos de traballo directos. En definitiva, un sector cun gran peso económico, cunha gran implantación en todo o territorio e que o BNG considera clave para darlle un futuro ao medio rural”, explicou a líder do Bloque, quen coñeceu de primeira man as propostas e iniciativas que realiza a fundación no ámbito forestal.
Hai que ter en conta, alegou, que o 90% do territorio é rural e o sector forestal, incluíndo á actividade de coidado e explotación do monte a través da sivicultura, é fundamental para darlle futuro ao rural. Ademais, arredor do 50% do territorio é monte, polo tanto, “falamos dun sector clave para o reequilibrio territorial e para reverter as tendencias negativas que afectan á Galiza rural”.
É fundamental, explicou, ter un monte ordenado e multifuncional que acolla diferentes usos produtivos.
Por iso, a líder do Bloque puxo en valor iniciativas como a da Fundación Arume, “porque parten de unir ao sector apostando por un desenvolvemento forestal e por un monte que aporten valor engadido, tanto na produción de madeira, -por exemplo estudando como mellorar xeneticamente o piñeiro-; practicar unha sivicultura que permita a restauración do patrimonio natural e apostando pola innovación e a investigación, clave para calquera sector económico, e desde a óptica da sustentabilidade”.
O BNG ten claro, indicou, que Galiza debe apostar “por madeiras de calidade” e que a bioeconomía “é unha gran oportunidade de futuro”. Este País pode ser “punteiro” nun ámbito que está en constante transformación, cun material como a madeira clave nunha construción industrializada que está buscando novos materiais, “e debemos aproveitar toda a intelixencia colectiva para ocupar ese espazo”.
“Temos que ser capaces de aproveitar a enorme riqueza de Galiza e o BNG traballa para que o monte deixe de ser unha gran oportunidade perdida, tantas veces pasto dos lumes, e para poñer en marcha cambios estruturais que permitan unha mellor conservación do territorio, avanzar cara un monte multifuncional conxugando aproveitamento económico e preservación do medio rural”, concluí, nunha reunión coa Fundación Arume, na que tamén participou o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará.