Viveiro, 28 de decembro, 2022. “A Recollida de Enseres e Voluminosos é un servizo municipal que recolle os residuos que non teñen cabida nos contenedores de lixo habituais. Un servizo imprescindíbel que necesita dun bo funcionamento desde calquera concello, pero que en Viveiro pegou un gran baixón nos últimos meses chegando ao punto de ter que agardar mes e medio como mínimo por unha recollida, incluso con límites absurdos de 4 bultos”, asegura a portavoz do BNG, Míriam Bermúdez.
Esta xestión está sendo levada a cabo por unha nova empresa externa de limpeza despois de que lle rematase o contrato á anterior. Un servizo privatizado que debe ser supervisado en todo momento polo Goberno Municipal para que se dea cumprimento de todos os puntos do contrato asinado.
Tendo en conta os antecedentes de María Loureiro na xestión das supervisións municipais que son de obriga no seu cargo, fainos dubidar e incluso atrevémonos a dicir, que raro sería que este contrato si estivera controlado.
Semanas atrás, a alcaldesa atacaba á veciñanza por deixar os enseres ás portas do Punto Limpo, mais para evitar isto o propio sería ofrecer desde o Concello un servizo funcional e eficaz; sen atrasos, sen límites e incluso ampliándoo á recollida de plásticos da gandeiría no rural, axudando a este sector xa perxudicado polo peche do Matadoiro, un servizo municipal menos que ten Viveiro pola ausente supervisión do Goberno Municipal.
Querendo mellorar esta situación, Míriam Bermúdez solicitará á alcaldía a seguinte información para ver como restaurar este servizo público para o seu funcionamento normal e axeitado:
. Tendo en conta que este servizo se contrata vía telefónica chamando ao Concello de Viveiro, é obvio que coñecen o detrimento do mesmo. Non fixo nada o Goberno para remedialo?
. Quen tomou a medida de restar a capacidade deste servizo, limitando os bultos de recollida e a gran tardanza a levalo a cabo?
. A alcaldía está a supervisar todas as obrigas por contrato do novo servizo de Limpeza e Punto Limpo? Porque non se están a cumplir algunha delas?
. Tomou en consideración esta alcaldía, ampliar esta recollida incluíndo os plásticos no rural e facilitar así o traballo actual e o asentamento de novas gandeirías?