O centro de saúde leva máis dunha semana sen ningún facultativo, ao non cubrir o Sergas a ausencia dos dous médicos que teñen praza no centro
Riotorto, 22 de decembro 2022. O BNG de Riotorto anunciou que manterá a presión social e política para recuperar a atención médica no centro de saúde, sen facultativos desde hai dúas semanas.
A forza nacionalista convocou este mediodía unha concentración na que se puxo de manifesto a preocupación da veciñanza polo deterioro da atención sanitaria no concello, onde o Sergas non cubriu a ausencia de ningún dos dous médicos titulares. Nas últimas dúas semanas, o centro de saúde só contou cun médico en horas soltas, deixando na práctica sen un servizo esencial aos máis de 1.200 veciños e veciñas de Riotorto.
O BNG sinala que “a situación en Riotorto é consecuencia dun deterioro alarmante do sistema sanitario público, e especialmente da atención primaria”, que “ten como responsable ao Partido Popular” e que “responde a un interese claro: desmantelar a sanidade pública para beneficiar a privada”.
Ante esta situación, o BNG avanzou que seguirá defendendo na rúa e nas institucións a restitución da atención sanitaria en Riotorto, que pasa pola presenza de persoal médico de forma continuada e garantías de mantemento das dúas prazas no centro de saúde.