Mondoñedo, 14 decembro do 2022. A Xunta de Galicia anunciou a semana pasada diversas obras complementarias na concentración parcelaria a cargo dun Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) e o BNG local considera estas actuacións un avance insuficiente xa que se van entregar títulos de propiedade de varios terreos sen acondicionar, parcelas sen entrada ou con camiños ou estradas vellas asfaltadas integradas dentro das novas fincas de substitución.
O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, alégrase que os veciños e veciñas das parroquias afectadas podan recoller os seus títulos de propiedade xa que este retraso de máis de trinta anos estaba causando dificultades nos procedementos de transmisión de terreos ou tramitación de herdanzas ante un notario pero pregúntase por que só se van realizar cinco actuacións a cargo do PIR sabendo que hai máis propietarios de parcelas afectados con iguais necesidades que as actuacións propostas. “A consellería do Medio Rural e o goberno municipal deben explicar o criterio polo cal se escolleron estas fincas para os traballos de acondicionamento e por que afectan só ás parroquias de Couboeira e Masma deixando á parroquia de Vilamor sen ningunha obra de mellora das aínda pendentes”.
Eloi Cabanas apunta que desde o BNG levan varios anos desde o concello e o Parlamento Galego instando á Xunta de Galicia a que remate nas debidas condicións esta concentración parcelaria e acusa á Xunta de “desleixo” por alongar este proceso máis de trinta anos e ao goberno municipal de “parsimonia” por permitir que haxa casos en que este proceso se cerre en precario.
“O conselleiro do Medio Rural ademais de presidir a entrega de títulos de propiedade debería comprometerse firmemente en rematar todos os traballos pendentes para tratar a todos os propietarios de primeira”, así que anuncia que desde o BNG seguirán traballando ata que todas as deficiencias pendentes se solucionen.