Rosana Pérez critica que tras dez anos do estudo do CIMA, a consellería do Mar non implementara medidas “suficientes” contra a ouxa que afecta gravemente a produción de ameixa, berberecho e navalla
Santiago de Compostela, 27 de decembro, 2022. A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez formulou unha pregunta ao goberno sobre os efectos das especies depredadoras sobre os bancos de cultivos das rías galegas que están a provocar graves problemas económicos sobre o sector marisqueiro.
Na súa intervención, Rosana Pérez explicou que hai máis de dez anos que o Centro de Investigacións Mariñas-CIMA realizou un “estudo sobre as técnicas de prevención e protección das principais especies depredadoras dos recursos dos bancos naturais e zonas de cultivo do litoral e as rías galegas”, e analizou o comportamento da aguia mariña ou “ouxa” pola súa “grande capacidade depredadora.
Sen embargo, engadiu, a Consellaría do Mar “nunca tomou en serio a erradicación ou control deste peixe sen valor comercial e que a día de hoxe representa un verdadeiro problema para os bancos marisqueiros das rías, sobre todo na ría de Arousa”.
As ouxas, afirmou a nacionalista, son un dos principais depredadores de ameixa, sobre todo babosa, e o propio sector ten intentado levar a cabo algunha actuación para reducir a súa poboación, mais, ata o de agora, sen éxito, polos medios e esforzos que require.
Por outro lado, a falla de medidas levou a que nestes momentos a poboación de ouxas xa se teña convertido nunha “ameaza real” que afecta de xeito importante á merma de produción de ameixa, berberecho e navalla.
O pasado verán, tras unha reunión da Consellaría do Mar con diferentes confrarías decidiu elaborar un estudo para acadar algún tipo de solución.
As grandes cantidades de ameixa e berberecho que serven de alimento ás ouxas levaron incluso a que o sector a elabrara un plan de eliminación, ou cando menos control do depredador, mais esta posibilidade non parece polo de agora viábel por tratarse dunha especie suxeita a TAC por parte da Unión Europea.
Pola súa parte, a Directora xeral de desenvolvemento pesqueriro, Susana Rodríguez Carballo explicou que é unha especie protexida e a pesar dos danos que ocasiona eludiu ofrecer alguna solución ao control da mesma. A deputado reiterou que as medidas iniciadas polo sector non deron o resultado positivo e as medidas da consellería resultan insuficientes polo que volveu a reclamar “unha actuación urxente da consellería” contra o que o sector cualifica de “praga”.