Foz, 20 de decembro de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, esixe resposta á Xunta de Galicia e pide ao PP focego un mínimo de responsabilidade coa residencia de maiores.
O rexedor municipal explica que “Castiñeira di que o Consorcio non pon problemas para facerse cargo da residencia. Pero, en cambio, o Consorcio afirma que temos que botar fóra a residentes e traballadores para eles poder xestionar unha residencia que é da súa propiedade. Isto é bochornoso e completamente indigno. Está a defender os intereses do PP na Xunta e os intereses privados empresariais fronte aos traballadores e aos residentes”.
“Fronte a actitude e as falsas acusacións que verte o PP de Foz”, o alcalde informa das xestións que leva facendo o goberno municipal durante a lexislatura:
-Esiximos á empresa concesionaria a subsanación de deficiencias en canto a contratos de subministracións, mantementos, seguros, plans de evacuación e outros.
-Acordamos no pleno ampliar os servizos, estendendo o centro de día a ceas e fins de semana.
-Establecemos reunións de seguimento para certificar o bo funcionamento da residencia.
-Aprobamos no plenario de novembro do ano 2020 a ampliación do contrato ata xaneiro do ano 2023 e a reversión da residencia ao Consorcio unha vez chegara esa data, co voto favorable do Partido Popular de Foz. Ante a ausencia de resposta requirimos ao Consorcio o inicio da licitación do contrato de concesión e mantivemos unha reunión presencial co Xerente do Consorcio.
-Atendemos a situación de COVID con colaboración directa diaria coa residencia, facendo entregas continuas de equipos de protección segundo a dispoñibilidade deses momentos e xestionando co Hospital da Mariña ingresos de residentes que eran reticentes a facer. Atendemos o resarcimento económico ao concesionario conforme á lei, polo peche obrigado do centro de día e conforme aos informes técnicos.
-Programamos actividades desde o Concello para os maiores, especialmente en datas sinaladas.
-Construímos con fondos do Plan Único unha rampla para que os residentes tiveran un acceso cómodo e seguro ao centro da vila a través da Rúa do Asilo.
O alcalde afirma que sempre foi a súa primeira opción que a xestión volvera ao Consorcio porque os usuarios “unicamente pagarían o 80 por cento da súa pensión, facéndoa accesible para todos e non só para uns poucos. Unha residencia que naceu moi pequena -só 40 prazas- e que non atende á demanda que ten Foz, cunha lista xa de 150 persoas en lista de agarda ou o que é o mesmo, 30 anos para obter unha praza”.
Fran Cajoto engade: “non imos ceder á chantaxe do Consorcio e do PP de Foz de botar a ninguén fóra e por iso pedimos a titularidade, a propiedade da residencia e centro de día de Foz, xa que a Xunta non quere xestionala.
Descoñecemos se o PP de Foz nos apoia nesta demanda ou se vai seguir co xogo de dinamitar todo. Iamos acabar coas festas, despois coa Escola de Música, cando está a funcionar con máis persoal e medios ca nunca, e agora tamén imos acabar coa residencia. Co único que acabamos é coa paciencia cun señor que nin se dignou a ter unha reunión con nós para o traspaso de poderes e nin sequera tivo a decencia de cederme o bastón de mando na investidura”.
O alcalde indica que esta mesma mañá se puxo en contacto vía telefónica coa secretaria da Conselleira de Política Social para fixar a data da reunión solicitada: “pedinllo o mércores pasado por escrito á conselleira, o venres en persoa ao delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e hoxe, martes, por teléfono á secretaria da conselleira, que me di que ten a axenda moi completa, que o vai ver. Non é tan difícil fixar unha reunión”.
Cajoto indica que “é unha situación que o Concello non quere demorar pero que está de facto bloqueada pola Xunta, xa que é a propietaria do edificio a través da figura do Consorcio” e anuncia que “no pleno extraordinario de mañá, mércores, ímoslle requirir á concesionaria, conforme á redacción do secretario municipal, continuar co servizo despois do 16 de xaneiro. Tamén se inclúe como segundo punto do acordo solicitar ao Consorcio a titularidade do edificio. E imos seguir traballando: sorprendeume a indignación de varios familiares na reunión do pasado xoves, que se ofreceron para mobilizarse co Concello e obrigar á Xunta a desbloquear esta pinza. Os traballadores e os usuarios poden estar tranquilos, o Concello de Foz non vai deixar de ser serio e responsable”.