Non, non debera, pero iso non impide que pase, como estamos a ver. Refírome á campaña desenrolada pola Xunta de Galicia, en teoría para previr a violencia de xénero. E non, non ó texto principal do cartel, que tamén reza ‘Non debería pasar, pero pasa’, un pouco máis abaixo de poñer ‘vístese coas mallas de deporte, vai correr pola noite, que sucede agora?’, acompañándoo dunha liña que o relaciona coa muller correndo, por se non estivera clara a mensaxe. Por suposto, ambas cousas están relacionadas.
E que sucede? O primeiro que sucede é que o cartel, a campaña, transmite unha mensaxe que encadea os feitos inducindo a pensar que a causa ‘do que suceda agora’ (que pola redacción non é que poda suceder, senón que sucederá), si, a causa, é que quen se ve na imaxe, unha muller, se vista de deporte e o faga cando e onde quere e/ou pode. Algo -a causalidade- que se vería incrementado, remarcado, canto máis identificada se poda sentir a muller coa da imaxe: nova, despreocupada, que quere manterse saudable e desfrutar da vida… É dicir, que a muller está tirando máis pedras riba de si, que se verá máis afectada, canto máis vital e máis persoa libre se sinta. En consecuencia, se queres evitar o que ‘sucederá’, cúbrete, queda na casa, non saias, ten medo, non sexas culpable… que non che pase! Iso si, quede claro que ‘non debería pasar’.
Parece unha referencia a unha profecía autocumprida. Si, desas que polo feito de enunciarse están xa a poñer as condicións, o camiño, para que se cumpra. Neste caso, aliviando culpa de quen ‘fai que pase’ para trasladala a quen ‘sofre que pase’.
O cartel, a campaña leva o selo de ‘igualdade’. Coido que é para chegar á conclusión neste caso, de que debe referirse a algo así como ‘igualdade de culpa’ entre quen fai que pase e quen sofre que pase. De seguro que o que no cartel apareza unha muller e non un home é debido a que hai que potenciar á muller, facela máis visible na sociedade Non?
Comentario fóra do texto anterior:
E logo falan de adoutrinamento nas escolas.