A área dirixida por Mónica Freire achega 50.000 euros para a realización das obras, que poderán executarse desde comezos do vindeiro ano
As actuacións previstas inclúen unha mellora integral das infraestruturas e servizos municipais en Vileimil, na parroquia de Vilaboa. Así, o convenio contempla obra de renovación da rede de abastecemento de auga, co obxectivo de evitar as frecuentes roturas que se producen pola antiguidade das tubaxes. Tamén inclúe a renovación da rede de saneamento, cun funcionamento deficiente ao acumular augas residuais e pluviais. Un dos aspectos a corrixir será o rasante dos camiños, que ven provocando que, en momentos de choiva forte, a auga afecta as edificacións pegadas aos viais. As obras completaranse cunha nova pavimentación do firme dos accesos e camiños.
Mónica Freire explicou que “o investimento total nas obras será de case 300.000 euros, un contía moi importante para un concello desas dimensións, que dificilmente podería levarse a cabo sen colaboración entre administracións” e, nese sentido, incidiu “no compromiso da área de Medio Rural con actuacións que contribúan a manter e mellorar infraestruturas e servizos imprescindibles para a calidade de vida da veciñanza”.
O convenio habilita ao Concello para comezar a executar as obras desde comezos do mes de xaneiro.