Cervo, 17 de decembro, 2022. En datas recentes membros de Mariña Patrimonio mantiveron na Atalaia de San Cibrao unha reunión co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e maila concelleira de cultura, Dolores García Caramés.
No transcurso deste encontro, os representantes do Concello trasladaron a Mariña Patrimonio a súa intención de apostar pola creación dun museo arqueolóxico con posiblidades de albergar un depósito para acoller os materiais arqueolóxicos aparecidos na Mariña.
A asociación sociocultural Mariña Patrimonio vén mantendo dende hai anos co Concello de Cervo un fluído diálogo arredor da Atalaia, e os seus restos arqueolóxicos, para tratar de encontrar a forma máis acaída de revalorizalos e preservalos. Neste sentido, Mariña Patrimonio concorda co Concello de Cervo en que a edificación que hoxe se atopa en estrutura, e que foi recentemente adquirida polo Concello, debe ser conservada en parte, rebaixándose en altura para non provocar un impacto visual negativo na península da Atalaia. Coinciden ambos, Concello e Mariña Patrimonio, en que esta edificación se destine a albergar un futuro museo arqueolóxico da Mariña, que contaría tamén cun depósito para acoller todos os restos arqueolóxicos procedentes da Mariña luguesa. Tanto os que na actualidade se atopan dispersos por varios depósitos de Lugo coma os que poidan aparecer nun futuro na comarca.
Dende Mariña Patrimonio felicitan ao Concello de Cervo por apostar pola creacion deste museo arqueolóxico na Atalaia ao tempo que expresan o seu total apoio a esta iniciativa.