Site icon Crónica3.com A Mariña

Licitadas as obras de mellora e ampliación do hangar de piragüismo de Ribadeo

Ribadeo, 26 de decembro de 2022. O Concello acaba de licitar as obras de mellora e ampliación do hangar de piragüismo, que suporán un investimento de máis de 50.000 euros e un prazo de execución de 5 semanas. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas contan con 20 días naturais, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor declarou: “rematando este ano desde o Concello de Ribadeo seguimos comprometidos co deporte base. Neste caso cun deporte moi nobre, coma todos, pero que moitas veces se desempeña en condicións climáticas adversas como é o piragüismo”.

Suárez Barcia dixo “este Club deportivo, o Altruán, que ademais está de celebración polos seus 40 de existencia, merecía ter unhas instalacións máis acordes cos tempos en que vivimos., porque de feito ata o momento, os propios piragüistas, na súa meirande parte xente moza, non saben o que é poderse duchar no seu hangar de remo en auga quente”.

O alcalde subliñou: “pero iso afortunadamente vai cambiar en breve, pois hai unhas semanas que asinamos un convenio de colaboración coa Área de Deportes da Deputación de Lugo polo que van axudar no financiamento destas obras de mellora e ampliación do hangar de piragüismo. Con este proxecto contémplanse melloras importantes para ter unhas instalacións cómodas e modernas e inclúe loxicamente vestiarios e duchas con auga quente”.

E indicou que “hoxe mesmo, acabamos de publicar na Plataforma de Contratos do Sector Público a licitación destas obras, que ascenden a 50.889 euros e contan cun prazo de execución de 5 semanas. Así que agora, as empresas cualificadas para executar esta obra teñen acceso a toda a documentación nesta web ou na do propio Concello de Ribadeo. E teñen un prazo de presentación de ofertas de 20 días naturais”.

Exit mobile version